O Presidente reivindica máis recursos para a Muralla no seu 25 aniversario como Patrimonio Mundial
Sinalou que precisamente esta efeméride ofrece “unha oportunidade única para reflexionar como sociedade acerca dos investimentos destinados ao seu mantemento, conservación, accesibilidade, integración urbanística e posta en valor”
O mandatario provincial participou este domingo na gala que pecha os actos con motivo da celebración do cuarto de século desde a declaración da UNESCO, unha cita con coloquios, maxia e música que acolleu auditorio lucense Fuxan os Ventos
O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, asistiu este domingo á gala que pecha os actos organizados polo Concello de Lugo con motivo do 25º aniversario da Muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade. Na cita que acolleu o auditorio lucense Fuxan os Ventos, o mandatario provincial aproveitou para reivindicar máis recursos para este monumento que, segundo afirmou “é símbolo da nosa historia e actúa como motor cultural e turístico para a provincia”.
Cualificou Tomé Roca de “privilexio” contar cunha construción destas características no territorio e sinalou que “é a nosa responsabilidade que continúe brillando para as futuras xeracións”. Nese sentido sinalou que precisamente esta efeméride ofrece “unha oportunidade única para reflexionar como sociedade acerca dos investimentos destinados ao seu mantemento, conservación, accesibilidade, integración urbanística e posta en valor”.
A gala celebrada esta tarde tiña por obxectivo ofrecer ao público asistente unha viaxe pola historia da Muralla valéndose do debate, a música e a maxia. A orquestra Xoven Terra Nova foi a encargada de conducir a banda sonora do evento, no que se puideron escoitar tamén testemuños de investigadores, representantes institucionais, artistas, xornalistas e veciños e veciñas de Lugo que viviron en primeira persoa momentos decisivos da historia para a recuperación e posta en valor da Muralla.
Este evento pechou unha programación completa durante case todo o mes de novembro con propostas musicais, culturais, artísticas, deportivas, gastronómicas e de ocio pensadas para o desfrute de toda a cidade.