O Presidente pon en valor o modelo “aberto, inclusivo e flexible” da UNED na apertura do novo curso académico
lección inaugural da Presidenta da Audiencia Provincial de Lugo, Sandra Mª Piñeiro
Vilas, tamén se realizou unha homenaxe ao que foi director da UNED Lugo, José Luis
Prieto Arroyo
O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, participou este martes no acto de apertura do
curso académico 2025/2026 do Centro Asociado da UNED en Lugo. No evento, que tivo lugar
no Salón de Actos da entidade educativa e ao que tamén asistiu o Alcalde de Lugo e Deputado
Provincial, Miguel Fernández Méndez, realizouse unha homenaxe ao que foi Vicerreitor da
UNED, director do Campus Noroeste e director da UNED en Lugo, José Luis Prieto Arroyo.
Ademais, nesta ocasión a Presidenta da Audiencia Provincial de Lugo, Sandra Mª Piñeiro Vilas,
impartiu a lección inaugural Dereito e Universidade: construíndo futuro desde a igualdade.
Na súa intervención, o mandatario provincial recalcou que a UNED en Lugo “representa o
compromiso co coñecemento, coa igualdade de oportunidades e co progreso da nosa
provincia”. Recalcou ademais, o seu modelo “aberto, inclusivo e flexible” que favorece a
conciliación dos estudos coa vida laboral e familiar.
“Desde a Deputación de Lugo creemos firmemente que o coñecemento debe estar ao alcance
de todos. Por iso, mantemos unha colaboración estreita e constante con este centro educativo,
convencidos de que apoiar a ensinanza pública é apostar polo futuro de Lugo”, sinalou Tomé
Roca, quen tamén recoñeceu a labor do “equipo directivo, do profesorado, do persoal
administrativo e do propio alumnado”.
A este acto, no que se realizou a entrega de diplomas aos graduados e graduadas do curso
anterior, tamén asistiu a Subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López Rodríguez, o Reitor
Magnífico da UNED, Ricardo Mairal Usón, e a Directora da UNED Lugo, Ana Belén Traseira
Pena, entre outras autoridades.