Deputación de Lugo

A Deputación exalta en Lugo a calidade do bonito de Burela cun showcooking e degustación na Praza de San Marcos

feira do bonito
Burela
carmela lópez

A Presidenta da Deputación e Alcaldesa de Burela participou na segunda xornada gastronómica impulsada pola institución provincial para promocionar a Feira do Bonito que se celebrará os días 1 e 2 de agosto na localidade mariñá

Carmela López sinalou que este evento serve “para poñer en valor un dos nosos produtos estrela, e trasladar a esta praza emblemática da capital a ilusión, que cada ano, se vive en Burela coa chegada dos primeiros bonitos, que anuncian o inicio dunha nova campaña do noso adorado príncipe azul”

Tres recoñecidos chefs da Asociación Provincial de Cociñeiros de Lugo elaboraron en directo diferentes propostas gastronómicas con bonito de Burela como protagonista e ofreceron 450 tapas para degustar entre o público asistente

A Deputación de Lugo celebrou na Praza de San Marcos a segunda Xornada de Exaltación do Bonito de Burela, unha iniciativa coa que a institución provincial quere contribuír á promoción da Feira do Bonito de Burela, que terá lugar os días 1 e 2 de agosto, e poñer en valor un dos produtos máis representativos da Mariña lucense. 

A cita gastronómica reuniu a veciñanza e visitantes arredor dun showcooking protagonizado por tres recoñecidos chefs da Asociación Provincial de Cociñeiros de Lugo, que amosaron en directo diferentes elaboracións co bonito de Burela como ingrediente principal. A Presidente da Deputación de Lugo, e Alcaldesa de Burela, Carmela López Moreno, participou no evento gastronómico, no que tamén estiveron presentes a presidenta da asociación Ledicia, Rocío Rivera Seara, a cronista do Concello de Burela e Secretaria A Moncloa, Herminia Pernas Oroza, e organizadores da feira. 

Carmela López destacou a importancia de achegar á capital lucense “a ilusión que cada ano se vive en Burela coa chegada dos primeiros bonitos”, nun momento que “marca o inicio dunha nova campaña do noso adorado príncipe azul”. Con este evento sinalou que “poñemos en valor un dos nosos produtos estrela e facemos que esta praza emblemática da capital tamén viva o ambiente que cada verán se respira en Burela”. Ademais lembrou que esta iniciativa naceu coa vontade de “abrir a casa de toda a provincia a un dos produtos que mellor nos representa”. Así mesmo, puxo en valor o traballo do sector pesqueiro, da hostalaría e de todas as persoas e entidades que contribúen a manter viva unha celebración gastronómica que forma parte da identidade da Mariña lucense.

Rocío Rivera convidou ás persoas asistentes a asistir a vindeira fin de semana á Feira do Bonito que cumpre 40 anos poñendo en valor este produto ligado á identidade mariñeira de Burela. Rocío, filla de mariñeiro, lembrou que durante moito tempo, “o bonito era coñecido principalmente en conserva, e esta feira conseguiu o obxectivo polo que naceu: promocionar o seu consumo en fresco e achegar á xente as súas grandes potencialidade gastronómicas”. 

Pola súa banda, Herminia Pernas puxo o foco nos mariñeiros da Moncloa como protagonistas da feira e da propia vila de Burela, lembrando que “detrás de cada persoa que sae ao mar hai unha historia de vida, esforzo e dedicación”. Destacou ademais, que o bonito foi durante décadas un dos grandes motores económicos de Burela, “facendo crecer o porto burelés e a toda unha vila de tradición mariñeira”. Polo que, subliñou a cronista burelesa, “poñemos en valor un oficio artesanal, o traballo dos mariñeiros e toda unha tradición vinculada á pesca do bonito”. 

A cita gastronómica contou coa participación de tres recoñecidos chefs lucenses.  Juan Rubiños, do restaurante Il Farabutto, elaborou un bonito de Burela marinado con cítricos; Diego López, chef de Lugar de Pascuais, Bulló Xantar e Andar, que preparou unha tapa de raxo de bonito; e Álex Méndez, de Os Cachivaches, pechou a demostración cun arroz elaborado con este produto mariñeiro.

A Presidenta quixo recalcar o compromiso da institución provincial coa promoción dos produtos de calidade da provincia e co apoio aos sectores que “crean riqueza, xeran emprego e contribúen a fixar poboación”, destacando que “facer provincia significa que o orgullo dunha vila como Burela se converta tamén nun orgullo compartido por toda a provincia de Lugo”.

 Durante a demostración, os cociñeiros explicaron ao público os beneficios e potencialidades na cociña deste produto e deron a degustar as 450 tapas elaboradas, nunha xornada que combinou gastronomía, promoción do produto local e difusión da Feira do Bonito de Burela.

A iniciativa serve así como escaparate dunha das grandes citas gastronómicas do verán galego e como convite á cidadanía para achegarse a Burela os días 1 e 2 de agosto e participar nunha feira que une tradición mariñeira, produto de proximidade e gastronomía.