A Deputación aproba investir 350.000€ na mellora de dúas vías provinciais en Portomarín e Guitiriz
Adxudicados por máis de 100.000€ os contratos de subministración de diferentes licenzas de software técnico específico para a Deputación de Lugo e do mantemento e reparación dos tractores e maquinaria da Granxa Gayoso
A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres investir 350.000€ para a mellora das prestacións de dúas vías provinciais en Portomarín e Guitiriz. Así o informou a Voceira socialista, Pilar García Porto, tras a reunión semanal celebrada no Pazo de San Marcos. “Semana tras semana demostramos nesta Sala de Xuntas que estamos comprometidos co mantemento e rehabilitación da nosa rede viaria provincial, a máis extensa de España con 4.217 quilómetros de lonxitude. Hoxe, ese compromiso serviu para aprobar este novo investimento”, valorou.
En Portomarín, a Deputación de Lugo licitou as obras de rehabilitación do firme de algo máis de 10,65 quilómetros da estrada que conecta este concello e Taboada, a LU-P-4905. O prezo de licitación é de 259.129,39€ e o prazo de execución será de tres meses. Explicou García Porto que os traballos, que afectarán á vía en todo o termo municipal de Portomarín –desde o inicio da estrada ao punto quilométrico 10,625- consistirán na reapertura de cunetas, saneo da explanada e pavimentación.
Lembrou a Voceira socialista que neste momento a institución provincial está a executar as melloras do segundo tramo desta vía ao seu paso por Taboada –desde o punto quilométrico 10,65 ata o 24,631- cun investimento doutros 200.000€. Polo que tras a execución deste novo proxecto a vía quedará renovada “na súa totalidade”.
En Guitiriz, a Xunta de Goberno aprobou con 95.396,34€ a licitación do proxecto e as obras para a instalación do alumeado e a ampliación da zona de aparcamento da LU-P-2304, que é a estrada que comunica o núcleo urbano coa área recreativa Sete Muíños. Estes traballos que terán un prazo de execución de tres meses e que consistirán, por unha parte, na reparación da explanada para o aparcamento, execución da drenaxe, estendido do firme e pintado das marcas viais. Por outra, na execución da canalización, cimentación e colocación das luminarias.
Neste caso, a Voceira socialista lembrou que a Deputación rehabilitou o firme e a senda peonil na totalidade do trazado -870 metros- hai apenas dous anos cun investimento que superou os 100.000€. “Hoxe, coa actuación que sacamos adiante, melloraremos enormemente as prestacións desta estrada, moi empregada pola veciñanza e os visitantes, sobre todo na época estival”, valorou.
Contrato de software
A Xunta de Goberno avanzou tamén na contratación de diferentes traballos e subministracións por un importe que supera os 100.000€ e que, en palabras da Deputada, “destinamos a mellorar o servizo que desde a Deputación ofrecemos a diario aos veciños e veciñas desta provincia”.
Por unha banda, quedou adxudicada a contratación da subministración de diferentes licenzas de software técnico específico. Un primeiro lote por 50.232,33€ á empresa Seidor Tech SA, para a subministración dun programa informático de deseño técnico, arquitectura, enxeñaría e construción; e un segundo lote por importe de 51.895,53€ á empresa Micromedia SL, para o subministro dun programa de deseño gráfico e outro de asistencia técnica. Ambos contratos terán unha validez dun ano coa posibilidade de dúas prórrogas, sen que a duración total exceda dos tres anos.
Mantemento da maquinaria e tractores da Granxa Gayoso
Luz verde tamén, na Xunta de Goberno deste venres, á adxudicación por 18.000€ do servizo de mantemento e reparacións dos tractores e maquinaria da Granxa Gayoso Castro. Neste caso, a empresa que resultou adxudicataria é Doval Maquinaria SL e o seu contrato terá unha validez dun ano, prorrogable anualmente sen posibilidade de que a duración total do contrato exceda dos 4 anos.