Deportes e mocidade
Deputación de Lugo

A Vicepresidencia da Deputación ratifica o seu compromiso como principal apoio institucional do Burela FS

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
Deportes
Burela FS
fútbol sala

Efrén Castro e Daniel García destacaron “a fortaleza e a unidade” que transmite o Burela FS neste inicio de temporada, cun equipo feminino con 8 xogadoras da Mariña

Mario Pillado subliñou que “é un orgullo que sexa a xente da casa quen toma as rendas para sacar a situación adiante”

O vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro, o deputado de Mocidade Daniel García e o tenente alcalde de Burela Mario Pillado visitaron  ao Burela FS, que conta unha temporada máis coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo como principal apoio económico.

Os responsables provinciais mantiveron un encontro coa directiva e xogadoras e xogadores de categorías absolutas e de base – biberóns e benxamíns -, aos que felicitaron “pola imaxe de unidade e fortaleza que o club transmite neste inicio de temporada, sobrepoñéndose ás dificultades económicas e organizativas no final da campaña pasada pola perda do patrocinio histórico de Pescados Rubén”.

Efrén Castro trasladou “o apoio estable e continuado que se ofrece ao club a través de subvencións anuais, que reforzamos nos últimos meses con financiamento adicional para a participación de equipos profesionais en competicións estatais” e destacou “o traballo que a directiva fixo neste tempo para, con eses recursos e outros apoios, comezar esta temporada de novo con tres equipos sénior e trece equipos de base”.

Daniel García valorou especialmente que “a reconfiguración do primeiro equipo feminino se fixera cunha ampla representación de xogadoras da comarca -Silvia Rubal, Cris Blanco, Lola Muñoz, Lara Díaz, Marina García, Irene Suárez e Mara Fiallega-, cinco delas en idade xuvenil, que proban a fortaleza do fútbol sala feminino na provincia, que sempre subliñamos desde a Vicepresidencia da Deputación de Lugo, e que fai posible proxectos coma este”.

 

Efrén Castro, Daniel García e Mario Pillado coa directiva e xogadoras mariñás do Burela FS

O tenente alcalde de Burela Mario Pillado tamén felicitou ao club por “un inicio de temporada diferente con equipos absolutos feitos de novo, sobre todo na sección feminina” e subliñou que “debe ser un orgullo para toda a familia laranxa, para a vila e para a comarca que nestes momentos díficiles sexa a xente da casa e a xente que representa o deporte de base quen toma as rendas e intenta sacar a situación adiante”

Ademais das subvencións nominativas destinadas a gastos de actividade do club ou vinculadas á promoción do futbol sala burelés, que nesta anualidade suman 175.000 euros, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo contribuiu ao financiamento da participación do Burela FS na Copa da Raíña, cun patrocinio excepcional de 18.000 euros.