Deputación de Lugo

A Deputación apoia as Xornadas Penitenciarias Lucenses, que se celebrarán a semana que vén centradas nos desafíos da adolescencia

xornadas penitenciarias
O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este venres na presentación destas conferencias que acollerá o Pazo de San Marcos o vindeiro martes e mércores

“A adolescencia é territorio de preguntas, de incertezas e de aprendizaxe profunda. O modo en que acompañamos ese proceso revela quen somos como sociedade e cal é a nosa idea de xustiza, de educar e de convivir”, afirmou Rivera Capón

A Deputación de Lugo participou esta mañá no Concello de Lugo na presentación dunha nova edición das Xornadas Penitenciarias Lucenses, un encontro de referencia no ámbito da reflexión social e penitenciaria, que este ano estará centrado nos desafíos da adolescencia. No acto interviron o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón; o Alcalde de Lugo e Deputado provincial, Miguel Fernández; a presidenta da Asociación Penitenciaria Concepción Arenal, Elvira Fernández; e a directora da UNED en Lugo, Ana Traseira.

Durante a presentación, Rivera Capón subliñou a importancia de avanzar en políticas públicas baseadas na prevención, na educación e na colaboración entre institucións e profesionais para garantir oportunidades reais á mocidade e favorecer unha convivencia máis xusta e inclusiva. O representante provincial agradeceu o labor da Asociación Concepción Arenal e da UNED Lugo, destacando que este tipo de iniciativas “axudan a abrir ollos, a xerar pensamento crítico e a poñer á sociedade diante dos seus propios retos”.

“A adolescencia é territorio de preguntas, de incertezas e de aprendizaxe profunda. Nel conviven identidade e ferida, rebeldía e medo, risco e posibilidade. O modo en que acompañamos ese proceso revela quen somos como sociedade e cal é a nosa idea de xustiza, de educar e de convivir”, afirmou Rivera Capón, ao tempo que lembrou as palabras de Concepción Arenal, nas que dicía que “a sociedade paga ben caro o abandono no que deixa aos seus fillos”. Reflexionou que iso “non é só unha advertencia: é unha responsabilidade. Se nos desentendemos, perdemos todos; se acompañamos, gaña o futuro”.
As xornadas, organizadas pola Asociación Penitenciaria Concepción Arenal coa colaboración da UNED Lugo, desenvolveranse os días 28 e 29 de outubro e permitirán a participación tanto presencial como en liña, facilitando que persoas de todo o país poidan seguir o seu contido. 

As Xornadas Penitenciarias Lucenses están consolidadas como un espazo estable de análise e debate, no que cada ano se abordan cuestións sociais de grande relevancia vinculadas ao sistema penal, á protección de dereitos e á construción dunha cidadanía máis igualitaria e solidaria. A Deputación de Lugo reiterou o seu apoio a iniciativas que fomenten a reflexión, o diálogo e a formación interdisciplinar como ferramentas para mellorar a convivencia e o benestar social.

Programa


As xornadas desenvolveranse no Salón de Actos da Deputación provincial cunha representación multidisciplinar de especialistas que abordarán a temática desta edición. 

Martes, 28 de outubro
18:00-19.00h.
•    Presentación: Elvira Paloma Fernández. Presidenta de APCA.
•    Inauguración: José Tomé Roca. Presidente da Deputación de Lugo. 
•    Entrega medallas Concepción Arenal Lugo.
Relator: Victor Fraga Gayoso. Secretario Xeral da Subdelegación do Goberno. 

19:00-20:00 h. Que hai de novo na saúde mental dos adolescentes?. 
•    Poñente: Ricardo Fandiño Pascual. Psicólogo clínico, presidente de ASEIA e profesor da USC.
Moderadora: Pilar García Puertas. Avogada e Presidenta da Asociación Xustiza e Diversidade

Mércores, 29 de outubro
18:30-20:00 h. Mesa  redonda: Contextos de intervención con adolescentes con problemas. 
•    María Sara Pendás Álvarez. Maxistrada do Xulgado de Menores nº1 de Lugo.
•    Loida  Ruiz Blanco. Directora de CIEMA, Psicopedagoga e Educadora social.
•    Maria Jesús Rodríguez Rodríguez. Coordinadora do servizo de Protección de menores de Lugo. Psicóloga.
•    Martín  Rodríguez  Botana. Médico psiquiatra do HULA e divulgador.
•    Alba López. Orientadora Educativa do Colexio Diocesano San Lorenzo. 
        Moderadora: Ana Traseira Pena. Directora da UNED de Lugo.  

Clausura: Miguel Fernández. Alcalde de  Lugo