Deputación de Lugo

O Presidente acompaña ao Alcalde no inicio das festas do San Froilán co pregón da xornalista Cristina Lombao

San Froilán
A institución provincial colabora coas festas, que contarán ata o 12 de outubro cun programa de máis de 200 actividades que combina tradición, cultura e música

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asistiu este mércores ao pregón do San Froilán 2025, que ofreceu a xornalista Cristina Lombao. As palabras dunha das voces radiofónicas máis coñecidas en Lugo deu comezo ás festas patronais que se celebrarán ata o 12 de outubro con máis de 200 actividades entre tradición, cultura e música para todos os públicos. 

Durante a lectura do pregón, José Tomé Roca estivo acompañado no balcón da Casa do Concello de Lugo polo Alcalde, Miguel Fernández, a Corporación municipal, e a Subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, entre outras autoridades.

A Deputación colabora coas patronais de Lugo, declaradas de Interese Turístico Nacional, e unha das citas máis importantes de Galicia que se remontan a 1.754. A programación mantén a tradición galega incluíndo o desfile de Gando, a XXVII Mostra de Música Tradicional Galega do Domingo das Mozas e a 53ª edición do Desfile de Traxe Galego. Ademais, o San Froilán Miúdo ofrecerá para os máis pequenos da casa, espectáculos de circo, maxia, xogos e obradoiros na rúa e na carpa do Seminario. 

José Tomé Roca animou a visitantes, veciños e veciñas “a participar nos festexos, a desfrutar da tradición de comer polbo nas casetas e do ambiente no recinto feiral en familia ou con amigos”. Trasladou ademais os seus mellores desexos “dunhas felices patronais para toda a cidade de Lugo, unhas festas que son identidade, orgullo e tradición, e que cada ano reúnen a milleiros de persoas arredor da cultura, a música e a convivencia”. O mandatario provincial asistirá mañá, 5 de outubro, aos actos relixiosos na honra ao patrón.
 

Foto cos Pelúdez