Deputación de Lugo

O Presidente defende na Coruña o papel das Deputacións ante os retos da sociedade actual no Congreso do Consello de Contas

JOSE TOMÉ
consello de contas de galicia
A CORUÑA
José Tomé Roca participou neste foro de diálogo, que se celebra este luns e martes, e que conmemora as catro décadas da Lei de Bases de Réxime Local e da consolidación do control externo das entidades locais de Galicia

“Na provincia de Lugo, máis do 80% dos concellos teñen menos de 5.000 habitantes e sen o apoio da Deputación, moitos deles non poderían prestar servizos básicos nin acceder a recursos económicos que lles permitan competir en igualdade de condicións”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este martes no Palexco da Coruña no Congreso 1985-2025: 40 anos de bases de réxime local e do control externo local en Galicia, que se celebra o 15 e o 16 de setembro con motivo do 40 aniversario do Consello de Contas. O mandatario provincial interveu na mesa redonda O reto do marco competencial da administración local: as costuras do traxe de 1985, na que defendeu o papel das Deputacións ante os retos da sociedade actual. No seu relatorio expuxo tamén as principais liñas de acción que está a desenvolver a institución provincial para facer fronte a estes desafíos. 


Con este foro de diálogo preténdese conmemorar as catro décadas da Lei de Bases de Réxime Local e da consolidación do control externo das entidades locais en Galicia, facer balance da historia desta regulamentación e marcar os retos do futuro. Participaron tamén o Presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Alberto Varela Paz e o Presidente do Colexio de Secretarios, Interventores e Tesoureiros da Administración Local da Coruña (Cosital), José Antonio RuedaValenzuela, entre outras autoridades. 


José Tomé subliñou que as Deputación son “imprescindibles para que os concellos, especialmente, os máis pequenos, poidan garantir servizos públicos esenciais e desenvolver proxectos que melloren a calidade de vida da súa veciñanza”. Nesta liña, avanzou que na provincia de Lugo máis do 80% dos concellos teñen menos de 5.000 habitantes e “sen o apoio da Deputación, moitos deles non poderían prestar servizos básicos nin acceder a recursos técnicos, económicos ou xurídicos que lles permitan competir en igualdade de condicións”. 

En canto aos retos que afronta a administración local a corto prazo, o mandatario provincial fixo referencia á dixitalización e á modernización “real” da administración; á colaboración institucional e público-privada e a cohesión social e a loita contra a despoboación. 


“Na provincia de Lugo estamos a dar respostas: coa Rede de Centros de Atención a Maiores, con 9 residencias públicas en vilas pequenas; co Plan de Cooperación cos Concellos, que chega mesmo a lugares como Negueira de Muñiz, con 225 habitantes e preto de 200.000 euros de investimento; coa Granxa Gayoso Castro, innovando no sector primario e colaborando coa universidade e coas iniciativas de turismo sostible: rutas en catamarán, rutas do románico, Lugo Termal… iniciativas que xeran actividade económica e emprego. Todos estes proxectos teñen un obxectivo: fixar poboación, dar oportunidades e mellorar a vida da xente”. 


José Tomé fixo especial fincapé en que “non podemos seguir cargando aos concellos e ás Deputacións con máis responsabilidades sen financiamento suficiente. A Lei de Bases do Réxime Local, no artigo 25, di que calquera nova competencia debe ir acompañada dunha memoria económica que garanta recursos e sustentabilidade financeira. Necesitamos un marco legal claro, estable e xusto, que nos dea ferramentas para actuar e non nos obrigue a facer malabares para manter servizos básicos no rural”.