A Deputación reforza a transparencia no proceso para poñer en funcionamento o Náutico de Augasmestas e publica mañá o prazo de solicitudes
A Deputación de Lugo dá un novo paso para avanzar na posta en funcionamento do Náutico de Augasmestas –situado no concello de Quiroga- coa publicación, este luns, de toda a documentación complementaria á que xa fora publicada no marco do procedemento de concesión demanial. Esta nova documentación deriva das cuestións formuladas polas persoas e entidades interesadas durante a fase de aclaracións e xa está dispoñible na Plataforma de Contratación do Sector Público para a súa consulta.
Concretamente, a institución provincial publicou a documentación relativa ao inmoble, a acta da visita técnica realizada ás instalacións e o documento que recolle as respostas ás cuestións formuladas durante o proceso. Deste xeito, toda a información facilitada queda á disposición dos potenciais participantes, garantindo que todos teñan acceso ás mesmas condicións e información antes de presentar as súas solicitudes.
A Deputación considera que esta é a mellor garantía de transparencia e igualdade: poñer toda a información relevante ao alcance do conxunto das persoas e entidades interesadas para que poidan concorrer ao procedemento con plenas garantías.
A publicación desta documentación culmina a fase de aclaracións iniciada coa visita técnica ás instalacións, unha medida adoptada pola institución provincial para facilitar que as persoas interesadas puidesen coñecer directamente o estado do equipamento e resolver as dúbidas que considerasen necesarias antes de concorrer ao procedemento. A Deputación dá por resoltas así as cuestións formuladas e continúa coa tramitación do expediente.
Un prazo de 10 días hábiles
O prazo para a presentación de solicitudes publicarase mañá, martes 25 de agosto, e permanecerá aberto durante 10 días hábiles.
A institución provincial lembra que a suspensión temporal acordada no procedemento tivo como finalidade resolver previamente as cuestións formuladas por varias empresas e entidades interesadas. Esta medida garantiu que dispuxesen da mesma información e concorresen ao procedemento en igualdade de condicións.
A Deputación subliña, ademais, que no momento en que se acordou a suspensión non se presentara ningunha oferta, polo que esta decisión non prexudicou a ningunha empresa ou entidade interesada. A suspensión, polo tanto, non supuxo a anulación do procedemento, senón unha medida administrativa destinada á resolución das dúbidas formuladas. Unha vez completada esta fase de aclaracións, o procedemento continúa coa apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.
A Deputación de Lugo reafirma así o seu compromiso con que a concesión do Náutico de Augasmestas se desenvolva con pleno respecto á legalidade, máxima transparencia e igualdade de trato entre todos os posibles participantes.
O procedemento en marcha ten como finalidade poñer novamente en funcionamento o Náutico de Augasmestas e recuperar para a actividade un equipamento de titularidade provincial, contribuíndo á posta en valor deste espazo e do seu potencial turístico e económico.