A Deputación pon en valor o seu compromiso coas políticas socias na XX Festa dos Maiores de Xermade

A Deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, Carmela López Moreno, participou este venres xunto ao Alcalde do Concello de Xermade, Roberto García Pernas,na XX Festa das Persoas Maiores, que se celebrou ao longo de toda a xornada neste municipio da comarca da Terra Chá. O evento comezou cunha misa na igrexa parroquial e unha actuación musical a cargo do grupo de gaitas Axóuxere de Roupar. A continuación, tivo lugar o tradicional xantar no pavillón municipal e o recoñecemento ao home e á muller de maior idade.
Carmela López subliñou que “máis dun terzo do noso orzamento vai para políticas sociais: para que o Servizo de Axuda do Fogar chegue a quen o precise; para que a Teleasistencia funcione 24 horas ao día, porque a tranquilidade das familias tamén é importante; e para ofrecer residencias públicas no rural, garantindo que ninguén teña que marchar da súa terra para recibir os coidados que merece”.