A Deputación e Avifauna fomentan a educación ambiental entre escolares e colectivos da provincia
Estas accións están destinadas ás ANPAS, centros escolares da provincia, entidades sen ánimo de lucro relacionadas coa cultura, natureza, educación, discapacidade e integración
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o presidente da asociación centro de interpretación Avifauna, Antonio Ibáñez Burgo, asinaron un convenio de colaboración a través do que a institución provincial achega 40.000€ para fomentar a educación ambiental entre escolares e colectivos da provincia.
Con este acordo, a institución provincial contribúe a desenvolver o Programa de visitas guiadas Educación Ambiental orientada á Comunidade Educativa e Asociacións, que ten como obxectivo achegar á sociedade o funcionamento e a riqueza do parque zoolóxico de Avifauna, situado en Outeiro de Rei, que acolle arredor de 400 aves de 250 especies diferentes de todas partes do mundo e que nalgún caso están en perigo de extinción ou inmersas en programas de conservación.
O programa permite aos participantes coñecer de primeira man a fauna, os seus hábitats e as medidas de conservación que se aplican no parque. Inclúe visitas guiadas adaptadas a distintos niveis educativos, actividades didácticas, explicacións sobre biodiversidade e conservación, e o uso de material interactivo e paneis informativos.
José Tomédestacou o importante traballo que o colectivo realiza “para protexer e conservar as aves, fomentar a educación ambiental e promover a responsabilidade e o respecto cara ao patrimonio natural galego”. As actividades están destinadas a ANPAs, centros educativos públicos, concertados e privados, así como a asociacións sen ánimo de lucro relacionadas coa cultura, a natureza, a educación, a discapacidade e a integración. Os grupos están limitados a un máximo de 50 participantes para garantir unha atención personalizada, adaptando as visitas ás características de cada grupo.
O programa de Avifauna inclúe percorridos polos diferentes ecosistemas aviarios da comunidade galega, explicacións sobre aves autóctonas e exóticas, hábitos, alimentación, conservación das especies e medidas de protección da biodiversidade, facendo especial fincapé na educación ambiental e na sensibilización para a preservación do patrimonio natural galego.