Deputación de Lugo

O Presidente comparte xornada coas persoas maiores de Meira no seu tradicional xantar

JOSE TOMÉ
FESTA MAIORES
Meira

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto ao Alcalde de Meira, Antonio de Dios, e os veciños e veciñas do municipio participou este venres na tradicional Xuntanza das Persoas Maiores de Meira, que acolleu o pavillón da localidade ao mediodía. Durante o encontro, que reuniu a máis de 200 maiores entre os que estaban 10 usuarios do Centro de Atención a Maiores que a Deputación ten na localidade chairega, entregáronse como é habitual agasallos ao home e á muller de maior idade do municipio.


José Tomé Roca destacou o firme compromiso da Deputación co benestar das persoas maiores, materializado en iniciativas como o servizo de teleasistencia ou a rede de residencias, que ofrecen unha atención de calidade aos usuarios, fomentan o arraigo, crean emprego e dinamizan a economía local. “A nosa prioridade é garantir que as persoas maiores gocen dunha vida digna, activa e chea de afecto, e seguiremos traballando para ofrecer servizos que faciliten a súa autonomía e fomenten o arraigo nas súas comunidades", subliñou o mandatario provincial.