O Presidente renova con COGAMI unha colaboración de 35.000€ para manter o centro de Fingoi en Lugo

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, vén de renovar no Pazo de San Marcos o compromiso coa Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI), asinando co seu Presidente, Anxo Antón Queiruga Vila, un convenio de colaboración a través do que a institución provincial achegará 35.000€ para manter o Centro de Atención Diúrno Terapéutica de Fingoi, en Lugo.
“Sabedes que o compromiso coas políticas sociais define a esta Deputación e articulan a acción deste Goberno. Este proxecto é un exemplo máis dese compromiso cunha sociedade máis igualitaria, na que todas as persoas teñan as mesmas oportunidades, independentemente das súas capacidades”, valorou o mandatario provincial.
Este investimento supón o 70% do orzamento necesario para sufragar os gastos desta dotación lucense, que presta servizo a unha trintena de persoas con discapacidade. A través desta axuda, os usuarios e usuarias poden realizar actividades que potencian a independencia funcional; así como as aptitudes cognitivas, comunicativas e físicas a través da mellora dun desenvolvemento máis autónomo. Ademais dos medios materiais, como equipamento informático, conexión a internet, aulas equipadas e material de recuperación, a achega da Deputación de Lugo sirve para financiar os gastos do persoal, unhas 8 persoas deste centro entre as que se atopa un pedagogo, un educador social, un monitor con coñecementos informáticos, un logopeda ou un traballador social.
Outras achegas
Este centro completa outros servizos cos que conta a entidade noutros puntos da provincia, como o servizo de intermediación laboral ou obradoiros de formación, entre outros cos que tamén colabora a Deputación. Nese sentido, a institución provincial achega outros 35.000€ para impulsar un taller na ulloa para facilitar a inclusión laboral.