A Deputación apoia o Festival da Mocidade de Taboada que ofrecerá 5 concertos de bandas referentes no panorama musical galego
“Queremos unha provincia onde vivir no rural non sexa unha renuncia, senón unha oportunidade, iso tamén pasa por defender espazos como este festival, onde se mesturan celebración, música, participación e pertenza”, destacou García Porto
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou este mércores no concello de Taboada na presentación dunha nova edición da Festa da Mocidade que terá lugar neste municipio o vindeiro 8 de agosto no Campo da Feira. A institución provincial colabora para a realización este evento, que inclúe 5 concertos de grupos referentes na escena musical galega, e fai unha aportación económica de 15.000€.
Na cita participaron ademais da Deputada, o Alcalde, Roi Rigueira Agromartín; e a Deputada de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico e Normalización Lingüística, Iria Castro Fernández; entre outras autoridades.
García Porto resaltou que “este tipo de festivais non nacen por casualidade son froito dunha visión clara, dun traballo sostido e dun compromiso firme coa xente nova. Por iso quero recoñecer o papel do Alcalde e do Concello, que teñen moi claro que a mocidade necesita espazos propios, necesita cultura viva, música, encontro, identidade e alternativas de lecer que conecten co seu tempo e coa súa forma de expresarse”.
“Nesta edición contaremos cun cartel que mestura enerxía, talento local e música feita dende aquí, con orgullo e autenticidade. E iso tamén é importante: apostar pola cultura feita na nosa lingua e no noso país é tamén unha forma de reforzar a nosa identidade colectiva”.
Sobre o apoio da institución provincial con esta cita musical, Pilar García Porto avanzou que “eventos coma este revitalizan o municipio, traen dinamismo económico, crean comunidade e, sobre todo, recoñecen e valoran á mocidade como suxeito activo da vida social e cultural. Queremos unha provincia viva, diversa, con futuro, onde vivir no rural non sexa unha renuncia, senón unha oportunidade. E iso tamén pasa por defender espazos como este festival, onde se mesturan celebración, música, participación e pertenza”, finalizou.
Programa
O Festival da Mocidade comezará ás 19:30 horas cunha ruta polos bares do municipio; ás 21:30 horas celebrarase a cea popular e ás 23:30 horas comezarán os concertos. Actuarán, nesta edición, as bandas La Quinkillada, Os Residuos Atractivas, Heredeiros da Crus, Rastreros e The Palangans. A entrada ao Festival será gratuíta pero as persoas que desexen acudir a cea deberán retirar os seus tíckets nos seguintes establecementos: Café Bar Mario, Café Santa Lucía, Bar Devezo, Cafetería Scala, Bar Rian e Distribucións Casa Guillermo.