A Deputación aproba máis de 3M€ para melloras en mobilidade e avanza na reapertura de Augas Mestas
Adxudicada por case 390.000€ as obras de acondicionamento e mellora de estrada LU-P-1301, en Pedrafita do Cebreiro, a vía que conecta Seoane do Courel co municipio montañés polas parroquias de Hospital e Vilela
Aprobada tamén a licitación por case 172.000€ do contrato de equipamento do complexo turístico de Augas Mestas, no concello de Quiroga, para adquirir mobiliario e elementos de hostalería
A Deputación de Lugo aprobou este venres investir máis de 3M€ para seguir mellorando a mobilidade na provincia. Así o informou a Voceira socialista, Pilar García Porto, no Pazo de San Marcos tras a sesión semanal da Xunta de Goberno.
Por unha banda, García Porto detallou que “hoxe aprobamos a licitación por algo máis de 3 millóns de euros (3.048.332,19€) do contrato de conservación da rede viaria provincial ao seu paso por 15 concellos, principalmente da zona de montaña”. Trátase dos lotes 1, 2 e 3 que afectan aos municipios de: A Fonsagrada, Negueira de Muñiz, Ribeira de Piquín, Navia de Suarna, Becerreá, Cervantes, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Folgoso do Courel, O Incio, Samos, Triacastela, Quiroga e Ribas de Sil.
A Voceira recalcou que “debido a complexidade da súa orografía, licitamos estes lotes de xeito independente para garantir unha mellor xestión e unha atención especializada das necesidades desta zona. Este contrato, no que se inclúen as actuacións correspondentes de conservación e mantemento desta zona, conta cunha duración de dous anos e poderá prorrogarse por outro ano máis”.
“Deste xeito seguimos a traballar para mellorar a mobilidade e a seguridade viaria na nosa provincia, que como sabedes é a máis extensa de toda España, con máis de 4.200 quilómetros que vertebran os 67 concellos da nosa provincia”, sinalou García Porto.
Adxudicadas as obras da LU-P-1301 en Pedrafita do Cebreiro
Na reunión desta mañá tamén se adxudicaron os traballos de acondicionamento e mellora da LU-P-1301, en Pedrafita do Cebreiro, por 386.880,92€. A empresa adxudicataria foi Hermanos Pico Yañez SL e o prazo de execución destas actuacións é de seis meses unha vez comecen as obras.
Neste proxecto inclúese o acondicionamento de case medio quilómetro desta vía que conecta Seoane do Courel co municipio montañés polas parroquias de Hospital e Vilela. As obras, que se van realizar entre o punto quilométrico 6,8 e o 7,3, consistirán no ensanche da estrada ata os 10 metros, na drenaxe, no afirmado, na sinalización horizontal e vertical e no tratamento da paisaxe.
A Deputada detallou que “con este proxecto levamos máis dun millón de euros investidos na mellora e no acondicionamento desta estrada, que é unha das principais vías de comunicación da Montaña”.
Avances na reapertura do complexo turístico Augas Mestas
A institución provincial aprobou por 171.497,15€ a licitación do contrato de equipamento destas instalacións situadas “nun enclave natural de gran beleza, á beira do Río Sil, en Quiroga, para que os veciños e veciñas da provincia poidan volver desfrutar deste complexo turístico”.
O contrato, que conta cun prazo de execución de dous meses, divídese en dous lotes. O lote 1 que afecta a mobiliario en xeral e no que se inclúen elementos de protección contra incendios; contedores de lixo; equipamento para piscina, estantes; sofás; mobiliario para adecuar os vestiarios do cámping e da piscina; así como dos aseos da cafetería e os bungalows. E outro segundo lote para mobiliario de cociña como forno de gas, cheminea ou lavalouzas; así como elementos para adecuar o comedor: mesas, cadeiras ou taburetes, entre outros.
“Como vedes, cumprimos coa palabra dada e estamos a dar novos pasos para que Augas Mestas volva ser un espazo ao servizo da veciñanza. Un espazo que ademais, dinamizará a economía da zona, xerará novos postos de emprego e converterá esta instalación nun atractivo máis dentro da oferta turística da nosa provincia”, rematou a Deputada.