Unhas 300 persoas desfrutaron das rutas do románico da Deputación pola provincia

Esta edición contou con 16 itinerarios ao seu paso polos concellos doSaviñao, Portomarín, Paradela, Taboada, Lugo, Monforte de Lemos, Foz, Viveiro, Pantón, Antas de Ulla, Ribas de Sil, Quiroga, Palas de Rei, Monterroso, Sarria, Chantada, Meira e Sober
Unhas 300 persoas desfrutaron estes días da quinta edición do Coñece o románico da provincia de Lugo, un programa de rutas gratuítas que organizou a Deputación pola provincia.Neste quinto ano, a institución provincial programou un total de 16 itinerarios ao seu paso por unha vintena de concellos co obxectivo de poñer en valor e difundir o patrimonio do territorio lucense.
“Todas as rutas completaron as prazas, polo que esta nova edición foi un éxito un ano máis”, sinalou a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto. Explicou a responsable provincial que este programa enmárcase na estratexia turística da Deputación de Lugo, que aposta por un modelo de turismo de proximidade, sostible, de calidade, e desestacionalizado. Unha iniciativa que se desenvolve en pequenos grupos, sen masificacións, e que deixa valor real no territorio en termos económicos e de emprego.
As visitas comezaron o último venres de maio co itinerario guiado en Lugo, pola Catedral de Santa María e a Cidade Medieval. Esa fin de semana tamén houbo rutas polo Saviñao, Portomarín e Paradela, Taboada e o rural da capital lucense; Monforte de Lemos, Foz e Viveiro. Este sábado pasado, 7 de xuño, foron protagonistas os percorridos polo románico de Pantón, Antas de Ulla, Ribas de Sil, Quiroga, Palas de Rei e Monterroso. A edición finalizou onte, domingo, con itinerarios por Sarria, Chantada, Meira e Sober.
A Deputación de Lugo ingresou no 2020 na Ruta da Transrománica, recoñecida oficialmente co selo de Itinerario Cultural do Consello de Europa, o que situou ao románico lucense no nivel máis alto de recoñecemento europeo.
