A Deputación inicia as obras de mellora que renovarán a totalidade da vía provincial que une Feira do Monte con Fontefría, en Cospeito

A Deputación de Lugo vén de iniciar as obras de mellora coas que renovará a totalidade da estrada provincial LU-P-1702, a vía que conecta Feira do Monte e Fontefría pola parroquia do Pino, en Cospeito. En concreto, os traballos afectan ao treito que vai do punto quilométrico 1,385 ao 9,214 e contan cun investimento da institución provincial de case 384.000€.
As obras, que está a realizar a empresa Cholo SL, consistirán na reapertura de cunetas, na pavimentación con aglomerado en quente e na sinalización horizontal mediante marcas reflexivas brancas. O prazo de execución destes traballos é de tres meses.
Con este proxecto a Deputación de Lugo renovará a totalidade desta estrada provincial ao seu paso polos concellos de Cospeito, Begonte e Vilalba, pois estas actuacións súmanse ás xa acometidas pola institución provincial no treito que vai desde o inicio da vía ao punto quilométrico 1,385. Para esta actuación a Deputación destinou máis de 92.000€ o que supón un investimento total de case 480.000€ para o arranxo dunha vía que dá servizo directo a máis dun milleiro de habitantes que residen nas cinco parroquias cospeitegas que atravesa: Sistallo, Villapene, Seixas, Pino e Rioaveso.