Deputación de Lugo

A Deputación inicia obras de mellora na vía provincial do Alto do Valiño a Valdeporrás, en Portomarín

Portomarín
Rede provincial de estradas
A institución provincial inviste 315.000€ nestes traballos que arrincaron coa reapertura de cunetas e que acondicionará dous tramos da LU-P-4902, entre Portomarín e Guntín, na vía que une o Alto do Valiño con Valdeporrás por Vilaxuste

A Deputación de Lugo vén de iniciar os traballos de mellora na estrada provincial LU-P-4902, que conecta o Alto do Valiño con Valdeporrás a través de Vilaxuste, no concello de Portomarín. Esta actuación supón un investimento de 315.000€ por parte da institución provincial e mellorará a seguridade e comodidade da veciñanza e das persoas usuarias da vía.

As obras, que xa comezaron coa reapertura de cunetas, levaranse a cabo en dous treitos: o primeiro quilómetro da vía e o comprendido entre os puntos quilométricos 4,100 e 11,315. Os traballos inclúen a pavimentación con aglomerado en quente, a sinalización horizontal e o pintado con marcas reflexivas brancas, mellorando así a visibilidade e a seguridade viaria.

O prazo de execución previsto é de 2,5 meses dende o inicio das obras. A empresa adxudicataria encargada da súa realización é Francisco Gómez y Cía SL.

Trátase dunha actuación relevante porque a LU-P-4902 do Alto do Valiño é unha das estradas máis transitadas de Portomarín, atravesando o concello dun extremo a outro e conectando o núcleo urbano con parroquias grandes como Recelle e Vilaxuste. Ademais, funciona como vía de saída cara á estrada nacional N-540, que une Lugo e Ourense, converténdose nun eixo vertebrador das comunicacións. 

Así mesmo, esta vía é unha das máis utilizadas por persoas peregrinas e visitantes ao longo de todo o ano, dado que Portomarín é un referente no Camiño de Santiago. Con esta actuación, a Deputación non só mellora as comunicacións no municipio, senón que reforza as infraestruturas dun dos principais destinos turísticos da provincia e da ruta xacobea.