A Deputación recibe a representantes dun proxecto europeo de turismo sostible liderado polo Eixo Atlántico
A Deputación de Lugo recibiu este mércores a un grupo de socios do proxecto europeo POST (Turismo Policéntrico Sostible), liderado polo Eixo Atlántico, co obxectivo de avanzar cara a un modelo turístico máis sostible, equilibrado e respectuoso co territorio. O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, deu a benvida ao grupo, formado por 27 representantes de entidades de España, Portugal, Irlanda e Francia.
A visita serviu para abordar o desenvolvemento dun novo enfoque turístico baseado no coñecemento do territorio, a súa identidade e o seu patrimonio, como alternativa ao turismo de masas. A provincia de Lugo foi elixida como un exemplo destacado grazas ao Camiño de Santiago, a Ribeira Sacra, O Courel, Os Ancares e outros recursos naturais e culturais que combinan sostibilidade, autenticidade e dinamización local.