Deputación de Lugo

A Deputación impulsa a segunda edición de Marida Maio que amosa a riqueza enogastroturística da Ribeira Sacra

Pablo Rivera Capón
Marida Maio
gastronomia
enoturismo
Ribeira Sacra
O Deputado de Promoción Económica e Social participou na tarde deste xoves en Monforte na inauguración destas xornadas que organiza a APEHL no Centro do Viño da Ribeira Sacra cada xoves de maio, de 19:30 ás 21:00 horas

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este xoves en Monforte de Lemos na inauguración da segunda edición das xornadas enogastroturíticasMarida Maio, organizadas pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (APEHL). A Deputación de Lugo impulsa estes encontros gratuítos que arrincan hoxe, 15 de maio, e continuarán os xoves 22 e 29 deste mes,en horario de 19:30 horas ás 21:00 horas, no Centro do Viño da Ribeira Sacra,na cidade do Cabe.
Este apoio enmárcase no acordo polo que a institución provincial achega 40.000 euros á APEHL para o desenvolvemento de accións formativas e iniciativas dirixidas ao sector hostaleiro da provincia. Pablo Rivera destacou que “é unha satisfacción para a Deputación estar de novo ao carón dunha proposta que fala tan ben de quen somos e do camiño que queremos seguir como territorio”.


Subliñou que Marida Maioé moito máis ca un evento gastronómico, “éunha experiencia que conecta territorio, produto e persoas, que fala en voz baixa pero deixa unha pegada fonda”. Rivera Capón resaltou o modelo de turismo no que traballa a institución provincial “un turismo sostible, baseado na emoción, na autenticidade e na calidade”, e engadiu que Marida Maio encaixa á perfección“queremos que quen nos visita leve algo máis ca fotos: que leve sensacións, lembranzas, historias que contar, e sobre todo, ganas de volver”. 


O Deputado rematou agradecendo a implicación da APHEL e a colaboración do Centro do Viño e do Concello de Monforte de Lemos nesta iniciativa da que asegurou que “aquí marídase tradición e futuro, o saber facer das nosas adegas, o talento da hostalería e a paixón das empresas turísticas da Ribeira Sacra”.


Tres xornadas para promocionar a oferta 
Marida Maio arrancou este xoves coa presentación dos viños da adega EDV Viticultores e de Regina Viarium, propostas do restaurante monfortino Manuel Bistró e de empresas como Caurelor e de Boral Aventuras. Para próximas xornadas, que serán os días 22 e 29 de maio de 19:30 a 21:00 horas, participarán outras adegas, restaurantes e empresas turísticas para dar a coñecer os seus produtos e servizos.  A asistencia é gratuíta, pero é preciso reservar no 982 412 050 ou no 982 404 715 porque a capacidade está limitada a 30 persoas.