O alumnado de Vilalba descobre as Terras do Miño no Campus de emprendemento sostible da Deputación

A Deputada de Muller e Igualdade, MarisolMorandeiraMorandeira, participou este mércores nunha nova edición do Campus de emprendemento sostible que a Deputación ten en marcha para fomentar a conciencia social e ambiental entre o alumnado da provincia, conectándoo cos valores e recursos das Reservas da Biosfera que xestiona. Hoxe o alumando do IES Basanta Silva aprendeu, da man da asociación A Estruga, todo tipo de cuestións relacionadas cos cultivos sostibles, a biodiversidade e a xestión dos recursos naturais.
“Vivimos nun territorio privilexiado, cunha riqueza natural recoñecida a nivel internacional a través das nosas Reservas da Biosfera”, destacou Morandeira, quen incidiu en que “esa riqueza non se entende sen as persoas que a coidan, que a habitan”. Nese sentido a Deputada insistiu en que este campus é moito máis cunha aula, e definiuno como “un espazo para compartir ideas, para coñecer proxectos reais que funcionan aquí na nosa contorna”.
Durante a xornada, o alumnado de secundario visitará a explotación da Estruga situada na parroquia de Cabreiros (Vilalba), onde coñecerá métodos de agricultura ecolóxica e ademais participarán nun taller de elaboración de conservas ecolóxicas.
Desde a súa creación no ano 2013, por esta iniciativa da Deputación de Lugo pasaron xa máis de 500 estudantes de secundaria de centros educativos situados nas Reservas de Terras de Miño e Ancares Lucenses. Nos Campus de emprendemento sostible combínase a formación teórica con visitas a empresas rendibles e sostibles situadas no rural da provincia, permitindo aos mozos e mozas a interacción directa cos responsables das entidades colaboradoras e coñecer exemplos vivos de casos de éxito e boas prácticas.
