Deputación de Lugo

Arrancan as obras en dous novos tramos do cinto comarcal ao seu paso por Begonte e Castro de Rei, nos que a Deputación inviste máis de 375.000€

Inicio obras LU-P-1611
A institución provincial mellorará na LU-P-1611 un treito de preto de dous quilómetros á altura da parroquia begontesa de Felmil; e outro de algo máis de tres quilómetros na parroquia castrense de San Xiao de Mos

A Deputación de Lugo vén de comezar as obras en dous novos tramos do cinto comarcal, a LU-P-1611, que afecta en total a algo máis de cinco quilómetros ao seu paso polos concellos de Begonte e Castro de Rei. Unhas obras nas que a institución provincial inviste máis de 375.000€. 

Concretamente, mellorará un treito de preto de dous quilómetros á altura da parroquia begontesa de Felmil, entre os quilómetros 71,700 a 73,165; e outro de algo máis de tres quilómetros, entre o punto quilométrico 78,620 e o 81,800 ao seu paso pola parroquia de San Xiao de Mos, en Castro de Rei.

Os traballos, que desenvolve a empresa Cholo SL, consisten na mellora da drenaxe, fresado da vía, estendido do aglomerado en quente e reposición da sinalización. Neste caso, a empresa tamén inclúe un aumento do prazo de garantía a tres anos e reducirá o tempo de execución a tan só un mes.

Esta actuación no cinto comarcal ten unha importancia fundamental, xa que esta estrada xoga un papel clave nas comunicacións da provincia. De feito, a Deputación leva investido en torno ós 3,65M€ nesta vía nos últimos anos, un esforzo inversor importante tendo en conta que se trata dunha infraestrutura cunha características máis propias dunha titularidade autonómica polos concellos que conecta e os seus máis de 131 quilómetros.