Deputación de Lugo
Infraestruturas

O Presidente supervisa as obras do cinto comarcal no Corgo nas que a Deputación inviste medio millón de euros

REDE DE ESTRADAS PROVINCIAIS
José Tomé Roca avanzou que ademais destes traballos na LU-P-1611 á altura deste municipio, a institución provincial ten adxudicadas actuacións nesta mesma vía entre os concellos de Begonte e Castro de Rei e traballa noutro proxecto en Castroverde

“Estamos a facer un esforzo investidor enorme nas estradas, destinando o 21% dos nosos fondos este ano a súa mellora, porque a mobilidade é un dos grandes piares da nosa acción de Goberno. Así o demostramos con actuacións coma esta”, destacou

As obras do cinto comarcal no Corgo enmárcanse no Plan de mellora das estradas que acondicionarán este ano 280 quilómetros de vías por toda a provincia con máis de 12M€, en concreto, para a LU-P-1611 a Deputación destinará por tramos máis de 2M€

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, supervisou este martes as obras do cinto comarcal, a LU-P-1611, á altura do concello do Corgo, cun investimento que supera o medio millón de euros. Avanzou o mandatario provincial que os traballos neste punto progresan “a bo ritmo”coa pavimentación do firme en dous tramos e rematarán previsiblemente a principios do mes de maio. Acompañaron a Tomé Roca o Alcalde de Láncara, Darío Piñeiro, e o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón.

“Estamos a facer un esforzo investidor enorme nas estradas, destinando o 21% dos nosos fondos este ano a súa mellora, porque a mobilidade é un dos grandes piares da nosa acción de Goberno. Así o demostramos con actuacións coma esta”, destacou o Presidente. Explicou que, ademais dos traballos que se están a acometer no cinto comarcal á altura deste municipio, a institución provincial ten adxudicadas tamén actuacións entre os concellos de Begonte e Castro de Rei e traballa noutro proxecto en Castroverde.

A actuación, que desenvolve a empresa Francisco Gómez y Cía, abarca do Alto de Gomeán ata a parroquia de Marei –do punto quilométrico 0,1 ao 5,6- e á altura de Maceda –entre o 6,6 e o 7,5- consiste na limpeza de cunetas, saneado do firme, pavimentación con aglomerado en quente, reposición da sinalización vertical e pintado da vía. E complementarase con outra que a Deputación vén de adxudicar entre os concellos de Begonte e Castro de Rei con preto de 350.000€ e que servirá para mellorar 4,6 quilómetros da vía, á altura da parroquia begontesa de Felmil e ao seu paso pola parroquia castrense de San Xiao de Mos.

Sinalou José Tomé Roca que as obras do cinto comarcal no Corgo enmárcanse no Plan de mellora das estradas que acondicionarán este ano 280 quilómetros de vías por toda a provincia con máis de 12M€, en concreto, para a LU-P-1611 a Deputación destinará por tramos máis de 2M€ e recordou a necesidade de que a Xunta de Galicia asuma a titularidade dunha estrada coma esta, “de características claramente autonómicas”.

Nos últimos cinco anos, a Deputación de Lugo impulsou un total de sete proxectos para mellorar en diferentes tramos o cinto comarcal, esencial para as comunicacións da provincia, cun investimento duns 3,65M€. A institución provincial ten mellorado desde o 2020 máis de 35 quilómetros –case o 30%-da LU-P-1611 ao seu paso por Pol, Castroverde, Cospeito, Castro de Rei, Friol, Lugo, Guntín, O Corgo e Begonte. Un esforzo inversor importante nunha estrada que conecta un total de 11 concellos nos seus máis de 131 quilómetros.

Pola súa banda, Darío Piñeiro destacou a importancia que teñen estas obras de mellora da Deputación no cinto comarcal á altura do Corgo para Láncara, “é o punto de acceso a autovía, e a xente da Pobra de San Xiao incorpórase por alí ao corredor, polo que o acondicionamento da LU-P-1611 neste punto mellora a mobilidade de centos de veciños e veciñas do noso concello.”