O Presidente e a Alcaldesa inauguran en Antas as obras da Casa da Cultura tras unha reforma integral
- José Tomé Roca puxo en valor no acto, no que participaron decenas de veciñas e veciños, “o traballo e a xestión” de Pilar García Porto para dotar ao municipio dunhas instalacións “renovadas, modernas e á altura das necesidades do Concello”
- Destacou o mandatario provincial que a Cooperación cos Concellos “vertebra toda a nosa acción de Goberno” e defendeu que “o rural está cheo de oportunidades e talento; o único que necesita son servizos públicos e de calidade coma este”
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e a Alcaldesa de Antas de Ulla e Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, inauguraron este domingo as obras da Casa da Cultura do municipio ullán tras unha reforma integral que contou cun orzamento conxunto de máis de 1M€. A institución provincial investiu máis de 100.000€ neste proxecto que estivo cofinanciado polo Concello, con máis de 150.000€ de fondos propios, e o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, con outros 816.000€.
No acto, que tivo lugar no Salón de Actos da Casa da Cultura, participou tamén o Delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, concelleiros e concelleiras do municipio, representantes de diferentes entidades culturais e varias decenas de veciños e veciñas.
“A reforma integral que tivo lugar nestas instalacións para conseguir un espazo renovado, moderno, á altura das necesidades do concello foi posible grazas á Alcaldesa, a súa dedicación e ao seu esforzo”, destacou o mandatario provincial. Explicou Tomé Roca que García Porto “ten demostrado unha enorme capacidade de xestión e unha visión clara do futuro que quere para Antas” e sinalou que a Casa da Cultura é “un moi bo exemplo do que se pode lograr cando existe un compromiso real co benestar da veciñanza e cando traballamos xuntos, con lealdade institucional”.
Destacou o Presidente o compromiso que a Deputación “ten con este concello e cos outros 66 que conforman a provincia. Sabedes, porque sempre o digo, que a cooperación cos concellos é unha cuestión fundamental para nós que vertebra toda a nosa acción de Goberno”. Contar cun espazo con capacidade e condicións para acoller actividades culturais, educativas e de lecer é algo “fundamental para calquera concello, pero máis para os máis pequenos, porque contribúe a fortalecer os lazos da comunidade, promovendo o diálogo, a aprendizaxe e a cultura en todas as súas formas”.
Valorou tamén que “o rural está cheo de oportunidades e talento; o único que necesita son servizos públicos de calidade, coma este, para que a xente non teña que marchar” e engadiu que “o noso deber, desde as institucións, é crear as condicións para que todo ese potencial poida florecer”. Nese sentido insistiu tamén en que “os recursos son limitados”, “pero con vontade política, traballo en equipo e colaboración entre institucións, estamos demostrando que se pode avanzar”.
Xunto ao Parque Central de Galicia que a Deputación de Lugo está a construír no lugar de Nugallás, na parroquia de San Fiz de Amarante, para poñer en valor o centro xeográfico de Galicia, a Casa da Cultura de Antas “é un reflexo dese avance”.