A Deputación celebra cos maiores de Xermade a festa que lles dedica o Concello

O Deputado de Participación Cidadá, Iván Castro Díaz, participou este venres xunto ao Alcalde de Xermade, Roberto García Pernas, na XVIII Festa das Persoas Maiores de Xermade. Un encontro que comezou cunha misa na igrexa parroquial, seguida da actuación dun grupo musical na Praza do Concello. Logo celebrouse a tradicional comida no pavillón municipal, na que participaron máis de 340 veciños e veciñas, e pola tarde haberá baile e un recoñecemento ao home e á muller de maior idade con entrega de agasallos.
Castro Díaz felicitou ao rexedor e ao Concello por impulsar este encontro que xa chega á súa maioría de idade, “18 anos festexando neste día que é de festa, onde podemos compartir xuntos momentos divertidos e experiencias que, no día a día, ás veces se fai imposible”.
“Para a Deputación de Lugo, esta tamén é unha festa importante porque segue a nosa liña de traballo e compromiso de prestar unha atención de calidade ás persoas maiores, que garanta o seu benestar e a súa dignidade”, subliñou, lembrando neste sentido que a Deputación dedica máis dun terzo do Orzamento a políticas sociais, sobre todo á prestación do Servizo de Axuda no Fogar, de Teleasistencia Domiciliaria as 24 horas e á rede de centros públicos de atención ás persoas maiores.
