Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación de Lugo comeza os traballos de roza nas estradas provinciais, aos que destina 2,5M€

A institución axiliza estes traballos para mellorar a seguridade e favorecer a prevención de incendios de cara a época estival, nos máis de 4.200 quilómetros de estradas provincias

Máis de 200 operarios traballan nestas tarefas que se desenvolven de forma simultánea nas zonas de conservación nas que está dividida a rede viaria provincial máis extensa de España

A Deputación de Lugo informa que comezou xa os traballos de desbroce nos máis  de 4.200 quilómetros de estradas provinciais, aos que destina máis de 2,5M€ nesta anualidade. Ao igual que en anteriores campañas, a institución provincial axiliza estes labores para mellorar a visibilidade e seguridade nas estradas de titularidade provincial, ademais de favorecer a prevención de incendios de cara a época estival. 

O Plan de Roza da Deputación ten despregado un dispositivo con máis de 200 operarios que traballan de forma simultánea nas zonas de conservación nas que está dividida a rede viaria de titularidade da institución. Os traballos que se están a levar a cabo consisten no desbroce e limpeza xeral da maleza en ambas marxes das vías, ademais da realización das tarefas de poda de arborado para deixar libre un gálibo de 5 metros de altura en todo o ancho da vía. 

Estes traballos teñen un prazo máximo de execución de dous meses, polo que entre finais de xuño e principios de xullo, prevese que a rede provincial máis extensa de España e tres veces maior que a da Xunta de Galicia, con 4.200 quilómetros,  estea nas mellores condicións para desfrute dos condutores e visitantes durante o verán, época na que se rexitra un maior número de tráfico na provincia luguesa. 

As 24 zonas nas que está dividida a rede provincial para desenvolver os desbroces son as seguintes:

- Zona 1: O Vicedo, Viveiro, Xove e Ourol. 
- Zona 2: Burela, Cervo, Foz, O Valadouro e Alfoz. 
- Zona 3: Muras, Xermade e Vilalba.
- Zona 4: Barreiros, Ribadeo, Trabada e Lourenzá.
- Zona 5: Mondoñedo e Abadín.
- Zona 6: A Pontenova, Riotorto e A Pastoriza.
- Zona 7: Cospeito, Rábade, Outeiro de Rei, Guitiriz e Begonte.
- Zona 8: Castro de Rei, Pol e Meira.
- Zona 9: Lugo e Guntín.
- Zona 10: Castroverde e O Corgo.
- Zona 11: Friol.
- Zona 12: Baleira, Baralla e Láncara.
- Zona 13: Ribeira de Piquín e A Fonsagrada.
- Zona 14: Negueira de Muñiz e Navia de Suarna.
- Zona 15: Becerreá e As Nogais.
- Zona 16: Cervantes e Pedrafita do Cebreiro.
- Zona 17: Antas de Ulla, Monterroso, Portomarín e Palas de Rei.
- Zona 18: O Páramo, Paradela e Sarria.
- Zona 19: O Incio, Triacastela e Samos.
- Zona 20: Taboada e O Saviñao.
- Zona 21: Chantada e Carballedo.
- Zona 22: Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas de Sil.
- Zona 23: Bóveda, Pobra do Brollón e Monforte de Lemos.
- Zona 24: Pantón e Sober.