Cooperación concellos
Deputación de Lugo

A Deputación colabora co Concello da Fonsagrada para impulsar unha nova edición da Feira do Butelo, que se celebra esta fin de semana

a fonsagrada
O Pazo de San Marcos acolleu hoxe a presentación oficial da 26ª edición da multitudinaria cita gastronómica organizada polo Concello coa presenza da voceira socialista do Goberno provincial e Deputada de Promoción do Territorio e Turismo, o Alcalde fonsagradino e a delegada territorial de Turismo da Xunta

A Deputación de Lugo colabora un ano máis co Concello da Fonsagrada para impulsar unha nova edición da Feira do Butelo, unha cita que, ano tras ano, congrega a miles de persoas neste concello da Montaña lucense para exaltar a calidade dun produto tradicional. A Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos acolleu este mércores a presentación oficial da 26ª edición do evento, que se celebra este fin de semana, un acto que contou coa presenza da Voceira socialista do Goberno provincial e Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, o Alcalde fonsagradino, Carlos López, e a delegada territorial de Turismo da Xunta, Paloma Vázquez.

Durante o sábado e o domingo sucederanse diferentes actos que permiten dar a coñecer este produto cárnico do que, na última edición, consumíronse uns 10.000 quilos.

A Deputada de Promoción do Territorio e Turismo subliñou que se trata “dunha feira que non deixa de medrar como un dos atractivos turísticos e de ocio do inverno da nosa provincia”, asegurando que a puxanza deste encontro é froito do traballo conxunto entre o Alcalde e o seu equipo, e o labor “de gandeiros, de empresas cárnicas, de distribuidores ou da hostalería do concello da Fonsagrada”. 

Pilar García Porto destacou neste sentido que o apoio a este tecido de autónomos e PEMES “é un dos eixos da nosa acción de Goberno. Facémolo dende o convencemento de que son eles os que manteñen a actividade económica no rural e aportan unha importante porcentaxe ó PIB da provincia. Ademais, dende un punto de vista social, resultan imprescindibles para manter o equilibrio territorial e desenvolver proxectos que axuden a fixar poboación no rural.

“A promoción dos nosos excelentes e variados produtos locais é un elemento fundamental para dinamizar a nosa economía e para promover a nosa provincia como destino para visitantes de fóra. A Feira do Butelo da Fonsagrada, declarada de Interese Turístico Galego, é xa unha das grandes referencias dentro dun calendario que busca a desetacionalización, ofrecerlle todo ano ós visitantes citas e produtos atractivos”, afirmou a Deputada.
A voceira socialista do Goberno augurou que, como en anos anteriores, “esta fin de semana milleiros de persoas da provincia de Lugo, de Galicia e doutros puntos de España achegaranse á Fonsagrada para degustar este produto estrela, de alta calidade e de enorme personalidade, que é un exemplo extraordinario da nosa tradición culinaria”.

Butelo de Ouro

A XXVI Feira do Butelo recoñecerá o traballo de 14 veciñas da Fonsagrada que, con material adquirido polo Concello, realizaron mascarillas para a veciñanza. O Alcalde asegurou que se trata de “recoñecer o traballo destas persoas, que agradece agora a veciñanza fonsagradina polo seu esforzo nos peores momentos da crise sanitaria”.

As persoas que se acheguen á feira poderán visitar algún dos máis de 70 postos de artesanía e gastronomía, onde se poderán catar produtos como o butelo ou o mel, así como tres postos das industrias cárnicas locais que elabora o butelo. “A Fonsagrada conta con máis de 200 prazas hoteleiras e unhas 1.000 de restauración, o que nos permite ter unha gran capacidade nunha vila de apenas 5.000 habitantes”, destacou Carlos López.