Cooperación concellos
Deputación de Lugo
Economía

Pilar García Porto pon en valor en Antas de Ulla o turismo cultural e patrimonial na presentación do 6º número de Cairón

Antas de Ulla
INSTITUTO DE ESTUDOS ULLOÁNS
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo participou este sábado na igrexa románica de San Xoán na presentación da nova revista anual do Instituto de Estudos Ulloáns, un referente que terá presencia nas bibliotecas das principais institucións e centros culturais de Galicia

García Porto dixo que se trata dun valioso documento “no que se revisa a nosa historia local, pero tamén se debate a nosa situación ante grandes retos globais como o cambio climático”

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou este sábado en Antas de Ulla na presentación do sexto número de Cairón. Boletín do Instituto de Estudos Ulloáns, unha publicación que sae á luz anualmente dedicada ao estudo e a promoción cultural sobre a comarca da Ulloa. A igrexa románica de San Xoán foi o escenario de luxo para presentar este novo exemplar que recolle valiosos artigos de investigación de preto dunha decena de autores, entre eles o poeta Xosé Luis Santiso e a historiadora Susana Varela Negro, que estiveron presentes no acto xunto ao director de Cairón, Daniel Salgado, e a representante da directiva do instituto, Hilda García Cabanas.

Pilar García Porto amosou a súa satisfacción por formar parte un ano máis do lanzamento desta nova publicación, que como en números anteriores, cumpre, dixo “co dobre obxectivo de afondar no coñecemento da nosa comarca e de ampliar os campos de estudo que abrangue o Instituto de Estudos Ulloáns”. Un valioso documento “no que se revisa a nosa historia local, pero tamén se debate a nosa situación ante grandes retos globais como o cambio climático”, destacou a Deputada ulloá. 

“Como responsable política, considero que é moi importante reivindicar a utilidade práctica do coñecemento cultural e científico como ferramenta imprescindible coa que deseñar políticas de desenvolvemento que aúnen progreso e sostibilidade co respecto ó medio ambiente”, obxectivos que materializa a Deputación con proxectos como a creación do Parque Central de Galicia, que as institución provincial impulsa no lugar no que o Instituto Xeográfico Nacional estableceu como punto central da comunidade autónoma, en Nugallás, na parroquia de San Fiz de Amarante, en Antas de Ulla.

A Deputada provincial felicitou, polo tanto, ao Instituto de Estudos Ulloáns, aos autores e ao equipo, que fai posible esta revista con presencia hoxe nas bibliotecas das principais institucións e centros culturais de Galicia. García Porto animou pois, a súa lectura porque “un bo exemplo é a proposta de rutas histórico-literarias que fai polas fortalezas da Ulloa”. Ademais subliñou a relevancia de artigos onde “se poñen en valor o traballo da nobreza local, de distintos ilustrados ou dun alcalde boticario como Avelino García, na defensa da Ulloa e de Galicia, dende o século XV ata os inicios do século XX”. A colección de Cairón é, por tanto, “un exemplo, adaptado ós nosos tempos, que pode servir tamén como referente e estímulo para seguir traballando polo desenvolvemento da nosa comarca”, concluíu a Deputada ulloá.

Afianzar a identidade da comarca da Ulloa
O Instituto de Estudos Ulloáns (IEU) naceu en 2015 co obxectivo de afianzar a identidade da comarca da Ulloa, da que forman parte os concellos de Antas de Ulla, Palas de Rei e Monterroso. Nestes anos de actividade, a entidade leva promovido numerosos proxectos centradas no estudo, a divulgación e a protección do patrimonio cultural da Ulloa, tanto material como inmaterial. 

Un dos referentes da súa actividade é a revista Cairón. Boletín do Instituto de Estudos Ulloáns, que nos seis números que levan publicados contan con aportacións de especialistas nos mais diversos temas, dende etnografía, arqueoloxía, historia, persoeiros, ata cooperativismo ou diversidade, flora e fauna da comarca da Ulloa. Ademais de recentes publicacións de varios libros, entre os que se atopa o de Antas de Ulla no centro xeográfico de Galicia, un monográfico de historia, etnografía e creación literaria, coordinado por Aldara García Gómez e María José Gómez Alvite, e editado grazas á Deputación.