O pleno da Deputación aproba por unanimidade a cesión da Casona do Incio e dunha parcela en Pantón
Luz verde á Conta Xeral de 2025, que confirma a débeda cero, máis do dobre de investimento executado que no ano anterior e máis ingresos dos que estaban previstos
O pleno da Deputación de Lugo aprobou este martes por unanimidade as cesións da Casona do Incio a este Concello e dunha parcela situada na contorna do pequeno club fluvial de Maiorga ao Concello de Pantón. Deste xeito, a institución provincial continúa avanzando na colaboración cos concellos sen mirar a súa cor política e dá luz verde a dous acordos mediante o apoio de todos os grupos políticos con representación na corporación provincial.
“O Concello do Incio solicitou formalmente a cesión da Casona o 24 de xullo de 2026. Posteriormente, o 11 de agosto, visitei O Incio, reuninme coa corporación municipal e comprobei persoalmente o estado deste inmoble emblemático, que leva máis de vinte anos á espera dunha solución. Naquel momento comprometinme a estudar todas as posibilidades e así o fixemos, con rigor e cos correspondentes informes técnicos e xurídicos”, sinalou a presidenta da Deputación, Carmela López, durante a súa intervención no pleno.
A transferencia permitirá ao Concello avanzar no proxecto para recuperar o inmoble e a súa contorna como espazo público e de ocio e deporte, conectado coa Praza da Cruz. Para esa intervención, a Deputación colaborará con 250.000 euros, tal como recolle o acordo aprobado no pleno e en virtude ó “compromiso persoal” que expresou a presidenta durante a sesión plenaria.
O pleno tamén aprobou por unanimidade ceder ao Concello de Pantón permite unha parcela de 21.000 metros cadrados situada na contorna do pantalán municipal de Maiorga. Ao igual que no caso do Incio, foi unha demanda realizada polo alcalde. A cesión deste terreo facilitará o acceso ao pantalán para que este sexa mellorado, de acordo co proxecto que o Concello de Pantón está tramitando coa colaboración da Confederación Hidrográfica.
Nos dous casos son decisións que responden ao interese público porque, segundo destacou a presidenta, a Deputación está ao lado dos concellos cando existen propostas viables que melloran a vida da xente.
López: “Se unha medida é boa para a xente, a min impórtame pouco quen a presente”
A presidenta da Deputación reafirmo durante o pleno o compromiso do goberno provincial de escoitar das alcaldesas e os alcaldes dos 67 concellos e de buscar solucións ás necesidades que trasladan, independentemente da súa cor política.
En resposta á oposición, López lembrou que desde Cooperación e Asistencia aos Concellos se atenderon solicitudes de numerosos municipios en ámbitos como a asistencia técnica, xurídica, económica, contratación, Secretaría e Intervención, supervisión de proxectos, urbanismo, expropiacións, estradas, Parque Móbil, cesións de bens ou convenios. “Se unha medida é boa para a xente, a min impórtame pouco quen a presente”, afirmou, tras enumerar a longa lista de concellos que nos últimos meses recibiron axuda da Deputación.
A presidenta pídelle á Xunta que siga o exemplo da Deputación
“Os alcaldes do PP saben que son atendidos cando trasladan unha necesidade”, remarcou a presidenta da Deputación, quen reclamou o mesmo criterio á Xunta, “que non é do Partido Popular, é de todos os galegos e galegas. Ou polo menos debería selo”. López pediu que a Administración autonómica escoite tamén as alcaldesas e alcaldes da provincia e responda ás súas necesidades, e que faga o mesmo coa Deputación, que está prestando servizos que non lle corresponden ante a insuficiente resposta da Xunta.
Sobre esta cuestión, o pleno aprobou unha iniciativa do grupo socialista para instar á Xunta de Galicia a que aumente os recursos para a atención ás persoas maiores na provincia de Lugo, de acordo co marco competencial das administracións públicas. A proposta saíu adiante cos votos a favor do PSdeG, do BNG e do deputado non adscrito, e cos votos en contra do PP.
Durante a defensa da moción, o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, destacou que o goberno provincial destina ao ano máis de 2,5M€ ao mantemento das nove residencias de maiores que ten en funcionamento, con preto de 300 prazas e unha ocupación do 100%.
O grupo de goberno lembrou que a Xunta ten un orzamento de 14.240 millóns de euros en 2026, dos que destina 1.391 millóns a área de Política Social. Mentres, a Deputación de Lugo dispón para este exercicio de 135 millóns de euros para todas as súas competencias, entre elas a amplísima rede de estradas, de máis de 4.000 quilómetros.
Desde o 2019, a Deputación mobilizou 47M€ nos centros de atención a maiores, aos que se suman as achegas aos concellos para sufragaren o Servizo de Axuda a Domicilio (SAF) e o investimento no servizo de teleasistencia.
O goberno provincial tamén pide á Xunta que revise o plan de residencias que acaba de anunciar, que non inclúe ningunha na capital lucense, e onde case a metade das prazas serán privadas.
Rivera afeoulle aos populares que a Xunta aposte por un modelo que consistirá en adxudicar a construción e a xestión das residencias a empresas privadas e a concertar despois o 60% das prazas. O resto, insistiu, serán privadas. Lembrou que o 33,7% da poboación da provincia supera os 60 anos.
Petición de máis mestres para o colexio de Begonte
O pleno abordou tamén aprobou, co voto en contra dos populares, pedirlle á Xunta que destine máis mestres ao CEIP Plurilingüe Virxe do Corpiño de Begonte. Foi a raíz dunha moción do grupo provincial.
A iniciativa alerta da situación das aulas multinivel de Educación Infantil, que agrupan alumnado de 3 a 5 anos; e reclama que se teña en conta o cómputo específico do alumnado con necesidades educativas especiais para garantir o cumprimento das ratios establecidas pola normativa autonómica. Tamén reclama un reforzo suficiente de Pedagoxía Terapéutica para garantir unha atención adecuada ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, tanto en Infantil como en Primaria.
A Deputación planifica, executa e dá conta
O pleno aprobou tamén a Conta Xeral correspondente ao exercicio 2025, que chega con todos os informes favorables despois dun período de exposición pública no que non se presentou ningunha alegación.
O deputado Pablo Rivera destacou que a Deputación executou máis do dobre que o ano anterior, ingresou máis do previsto e eliminou a débeda. A Conta Xeral saíu adiante cos votos a favor do PSOE, do BNG e do deputado non adscrito e a abstención do PP.
Durante o 2025 a Deputación comprometeu o 88,2% do orzamento –fronte ao 87,35% de 2024- e as obrigas recoñecidas tamén subiron desde o 60,29% ao 60,78%.
O maior avance prodúcese no investimento real. A Deputación executou 21,2M€ en 2025 fronte aos 9,5M€ do exercicio anterior. Máis do dobre. A porcentaxe de execución do capítulo de investimentos pasou do 26 ao 40.74%, mentres que o crédito comprometido acadou o 66,5%, preto de 35M€.Ademais o 14 de maio de 2025 a institución provincial amortizou anticipadamente seis millóns de euros, polo que actualmente a Deputación ten débeda cero con entidades financeiras.
En materia de ingresos, a Deputación recoñeceu 132,5 millóns de euros, fronte aos 132,7 millóns previstos, o que supón un cumprimento do 99,9% das previsións de ingresos. Os 86 millóns incorporados como remanentes de tesourería corresponden a aforros de exercicios anteriores e non a novos ingresos previstos para 2025.
A Conta Xeral será remitida agora ao Consello de Contas e ao Tribunal de Contas no prazo regulamentario.
O estado dos náuticos provinciais
A presidenta tamén informou no pleno da situación dos náuticos provinciais e destacou que os diferentes expedientes continúan avanzando. Ponte do Sil e o Mazo de Santa Comba están xa en fase previa á adxudicación, mentres que Portomarín e Os Robles quedaron desertos ao non presentarse ofertas. Augasmestas conta cunha oferta tras a reapertura do prazo e a Mesa de Contratación reuniuse o 17 de setembro. Os Chancís e Maiorga continúan coa súa tramitación. Carmela López lembrou que cada expediente debe completar os correspondentes procedementos e garantías para a posta en explotación das instalacións.