Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo estrea nova imaxe da fachada do Pazo de San Marcos

Pazo de San Marcos
O acondicionamento e pintado do exterior do edificio, xunto á colocación das letras de aceiro pintado que identifican a sede da institución provincial e os farois que xa existían antes da remodelación da praza servirán para garantir a conservación do Pazo e darlle unha maior prestancia

Unha vez rematados os traballos, a entidade colocou o alumeado de Nadal, que enxalza o patrimonio da provincia representando lugares característicos como a Muralla de Lugo, as pallozas ou a costa da Mariña

A fachada do Pazo de San Marcos loce unha imaxe renovada unha vez rematado o proxecto da Deputación de Lugo para acometer diversas melloras, que consistiron na limpeza do exterior do edificio e da súa mampostería, o saneamento de fisuras e gretas, a eliminación de humidades e de filtracións de auga e o pintado das paredes; así como na colocación dunhas letras en aceiro pintado co texto Deputación Provincial de Lugo e a reposición dos farois que xa existían antes da remodelación da praza. Os traballos incluíron tamén a reparación da pintura do Salón de Plenos, que presentaba zonas afectadas pola antiga presenza de humidades. 

Este conxunto de actuacións contou cun orzamento de 120.000€, e súmase aos traballos de reposición da lámina impermeabilizante da parte plana do tellado de San Marcos, deteriorada polo paso do tempo, que se levaron a cabo a comezos do pasado verán, e á renovación da cuberta cun investimento de 350.000€ realizada no ano 2020.

Todas estas medidas adoptadas polo Goberno provincial servirán para garantir a conservación do Pazo de San Marcos, pero tamén para darlle unha maior prestancia a este edificio histórico e emblemático.

Decoración de Nadal

Unha vez concluídos os traballos, a Deputación de Lugo instalou e acendeu o alumeado de Nadal na fachada do Pazo de San Marcos, que enxalza o patrimonio da provincia representando lugares característicos como a Muralla de Lugo, as pallozas ou a costa da Mariña. Os elementos decorativos instalados empregan tecnoloxías LED de alta eficiencia, o que supón un aforro enerxético e económico e inclúen cortinas horizontais e verticais, ou escenas de Nadal con motivos característicos da provincia. A institución provincial manterá instalada a iluminación durante as festas navideñas.