Deputación de Lugo
Formación

O Presidente subliña o aumento da matrícula da UNED de Lugo, que se sitúa como un dos centros con mellores datos do norte de España

UNED
XUNTA REITORA

O Presidente da Deputación de Lugo e da Xunta Reitora da UNED de Lugo, José Tomé Roca, presidiu este xoves unha reunión deste órgano da Universidade de Educación a Distancia celebrada na sede do centro educativo para abordar diferentes cuestións de interese en relación co curso escolar 2022-2023 e valorar o traballo feito no período lectivo anterior. 

José Tomé puxo en valor o aumento da matrícula que deu a coñecer a directora, Ana Belén Traseira, referindo que se sitúa como un dos centros con mellores datos do Campus Noroeste. Na reunión saíu adiante o plan docente, o plan de calidade e a programación de extensión universitaria que inclúe case un cento de actividades para este curso 2022-2023, no que se estima alcanzar máis de 7.000 inscricións.

No encontro, no que participaron representantes dos municipios de Foz, Viveiro, Lugo e Monforte – localidades con centros de extensión universitaria- presentáronse os resultados da investigación do retorno social SROI (Social Returns on Investment) do centro, que fixeron o catedrático José María Labeaga e o profesor Rodrigo Martín, que conclúe que o Centro de Lugo xerou un retorno social de 6,41 euros por cada euro invertido no seu funcionamento. 

Tamén se puxo o foco no proxecto #UNEDLife, que conta xa con máis de 700 inscritos nas súas actividades, e que promove o deporte como medio para unha vida máis saudable. Así mesmo, tratouse a redución dun 28% da pegada de carbono do centro na súa radio por estudante e as medidas que se adoptarán para aproximarse á neutralidade de carbono.

Outro dos asuntos abordados foi o recoñecemento do Centro de Lugo co premio nacional á mellor boa práctica posta en marcha por un centro UNED. Unha distinción que o reitor da Universidade, Ricardo Mairal, lle entregará á directora este mes grazas ao proxecto #PlanetaODS. Este é o terceiro ano consecutivo que se logra este galardón.