Preto de medio cento de nenos e nenas do persoal da Deputación coñecen desde dentro como se traballa para a provincia
A Presidenta recibiu no Pazo de San Marcos aos pequenos, de idades entre 1 e 17 anos, nunha xornada de portas abertas na que percorreron diferentes espazos da sede provincial e descubriron a través da intelixencia artificial o funcionamento da casa e o traballo dos seus pais e nais
“É moi interesante que desde idades temperás coñezan a importancia do papel que xogan as administracións e descubran, dun xeito ameno e participativo, que o traballo que se fai aquí ten unha incidencia directa no día a día dos concellos e das persoas da provincia”, sinalou Carmela López
Preto de medio cento de fillos e fillas do persoal da Deputación achegáronse este martes pola tarde ao Pazo de San Marcos para descubrir que hai detrás das portas da sede provincial. Os participantes, con idades comprendidas entre 1 e 17 anos, percorreron diferentes espazos da institución e coñeceron de primeira man o lugar no que os seus pais e nais desenvolven o seu traballo.
“É importante que os máis pequenos poidan coñecer que é a Deputación e, sobre todo, que descubran dun xeito sinxelo que o traballo que se fai aquí ten unha incidencia directa no día a día dos concellos e das persoas da provincia”, subliñou Carmela López.
A proposta reuniu nenos e nenas de idades moi diferentes, desde os máis pequenos ata mozos e mozas de 17 anos, e combinou curiosidade, participación e tecnoloxía. A visita permitiulles tamén poñerlle cara aos espazos nos que os seus pais e nais pasan cada día boa parte da súa xornada e descubrir desde outra perspectiva o labor que realizan.
Dos six seven concellos ao anel da presidenta
A visita comezou no salón de plenos da Deputación, onde as nenas e os nenos, acompañados das súas familias, foron recibidos pola presidenta Carmela López e a súa avatar. Xuntas explicáronlles como se estrutura a provincia e, á hora de enumerar os concellos, fixeron chanzas co popular six seven. López contoulles que a Deputación de Lugo ten a súa propia estratexia de intelixencia artificial, Mencía.
A continuación, a presidenta ensinoulles a sala na que se celebran as xuntas de goberno. Nela hai vitrinas que amosan os traxes que usaban os maceiros -lembrou que ela prescindiu desta figura na súa toma de posesión como mandataria da institución, ao considerar que esa vestimenta é incómoda para quen a leva e máis propia doutros tempos- e outra coas medallas dos deputados e os dous bastóns de mando da presidencia, un máis antigo o que se emprega na actualidade. López explicoulle á rapazada que son bastóns que tamén usan as alcaldesas e os alcaldes, pero que ela nunca o empregara ata ser presidenta da Deputación porque o Concello de Burela, segregado do de Cervo, non posúe ese elemento tan simbólico. Aínda que ao público infantil tamén lle chamaron a atención outros detalles máis cotiás, como o anel con forma de oso que lucía a presidenta. “É do festival Osa do Mar, que acaba de celebrarse en Burela. Foi un agasallo! Vós tamén ides ter pronto aquí o Caudal Fest”, lembroulles.
López explicoulles parte da historia do edificio, como a súa orixe, pensada para ser hospital. A visita rematou no seu despacho e no que, segundo lles explicou, ela mesma fixo algún cambio ao chegar. “Quitei as alfombras porque me daban alerxia”. Nese punto, houbo quen preguntou se algunha vez se rachara algunha fiestra cun balón. “Fiestra non, pero si rachan algunha vez as lámpadas que colgan da fachada do edificio”, sinalou cómplice. Quen preguntaba xoga a cotío na Praza de San Marcos.
As nenas e os nenos marcharon do Pazo de San Marcos cunha bolsa baixo o brazo, na que levaron algún agasallo e tamén traballo, como unhas fichas para aprender a situar os concellos e as comarcas. “Para que vaiades empezando a traballar”, animou un día antes de que comece o curso escolar.
Visitas para centros escolares
A Deputación de Lugo ofrece tamén a posibilidade de realizar visitas ao Pazo de San Marcos dirixidas a centros escolares, co obxectivo de achegar o funcionamento da institución e o labor que desenvolve ao alumnado dun xeito didáctico, ameno e participativo. Os centros educativos interesados en coñecer a sede da institución provincial e concertar unha visita poden solicitalo enviando un correo electrónico á seguinte dirección: protocolo@deputacionlugo.org.