Deputación de Lugo
Formación

O alumnado do Centro de Formación Audiovisual recolle nun documental vivencias de abuso e dor na antiga Casa Cuna

Centro de formación audiovisual
O Presidente da Deputación presidiu este xoves o acto de estrea de No se Oye, que contou coa presenza de dúas das protagonistas deste traballo audiovisual que aborda a historia da antiga casa de maternidade anexa ao Hospital de San José, onde actualmente está o propio centro formativo provincial

Esta actividade, que consistiu no visionado da cinta e un coloquio posterior, forma parte do programa organizado pola institución provincial con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller

O Pazo de San Marcos acolleu este xoves a estrea do documental No se oye, elaborado polo estudantado do Centro de Formación Audiovisual da Deputación de Lugo, enmarcada no programa organizado pola institución provincial con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Trátase dunha peza audiovisual de media hora que aborda a historia da antiga Casa Cuna de Lugo, anexa ao Hospital San José, onde actualmente está o propio centro formativo. 

O Presidente, José Tomé Roca, presidiu o acto, que contou coa presenza dos alumnos e alumnas que realizaron o traballo audiovisual, os profesores coordinadores, e dúas das protagonistas do documental, Élida Ares Edrosa, que busca unha filla á que deu a luz en 1962, e Amelia García Rozas, que busca unha irmá que estivo na Casa Cuna, ademais de Xosé Edrosa Leal, xornalista que investigou este tema e familiar de Élida Ares; Marisa Teijeiro Pérez, que traballou como matrona en San José desde 1968; Sabela Gayoso Carreira, a responsable do Arquivo da Deputación de Lugo; e Marta Rodríguez Francisco, arquitecta que participou na reforma do Hospital.

O encontro, que consistiu no visionado da curta e un coloquio posterior, contou coa presenza da Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto; e da xefa do Servizo de Audiovisuais, Margarita Soilán.

O filme recolle algunhas historias de abuso e dor que se viviron na antiga Casa Cuna, en tempos onde as desigualdades sociais eran moi fondas e os dereitos das mulleres menosprezados. 

O Presidente da Deputación felicitou a todo o equipo por esta curtametraxe, “unha aposta valente, sensible e comprometida cunha realidade que pode parecer algo afastada no tempo, pero que está moi presente na dor daquelas persoas que a viviron e, polo tanto, temos que tela todos moi presente, como sociedade comprometida e solidaria”. José Tomé desexou que a partir desta estrea, o documental reciba máis recoñecementos e que “de aquí poidan saír novas iniciativas que afonden nunhas vivencias que merecen toda a atención social”.

Así mesmo, agradeceu ás protagonistas do filme o seu “valor” e que “poñan voz a unha realidade que padeceron tantas mulleres e que foi silenciada durante tanto tempo. Gracias por dar visibilidade a unha das violencias máis duras contra a muller, e para que nunca máis se volva a repetir nada parecido”.
 
A produción deste documental, que recibiu o premio á Mellor Curtametraxe Documental na categoría de Escolas de Imaxe e Son no Festival Internacional de Cine de Ponferrada, foi realizada por Claudia Díaz, Sabela Feire e Sergio Louzao; a dirección e montaxe estivo a cargo de Mario Pereira; Pablo González foi o responsable da dirección de fotografía; o operador de cámara foi Martín Cando; Borja Ramos, responsable de son, e o making off correu a cargo de Ángel Corrales. O traballo estivo supervisado polos docentes do centro provincial María Taboada e David Prado. 

En Camiño contra as Violencias

A programación conmemorativa do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller organizada pola Deputación culminará mañá, cando ás 11:45 horas arrancará, despois da lectura diante do Pazo de San Marcos da declaración institucional acordada polos tres grupos políticos da Corporación con motivo do 25N, a sexta andaina En camiño contra as violencias, unha iniciativa organizada xunto co alumnado de Produción do Centro de Formación Audiovisual que percorrerá o centro da cidade para rematar no propio centro educativo. 

Material para os concellos

A campaña da Deputación en favor da igualdade entre mulleres e homes tamén involucra aos concellos da provincia de Lugo. Por iso, distribuíu entre as entidades locais diverso material reivindicativo para sensibilizar e concienciar á cidadanía na loita contra as violencias machistas.