Deputación de Lugo
Economía
Turismo

A Deputación colabora co 36 Festival Internacional de Danza que regresará o 16 e 17 de agosto a Monterroso

Monterroso
festival internacional de danza
falcatrueiros
A Deputada Ana González Abelleira presentou este mércores xunto á asociación organizadora, Falcatrueiros, unha nova edición da cita que conta cunha achega provincial de 3.000€ e que este ano contará con agrupacións do Senegal, Costa Rica e a formación de danza local

A Deputación de Lugo colabora co financiamento do Festival Internacional de Danza, en Monterroso, cunha achega de 3.000 euros para a celebración desta cita que organiza a asociación cultural Falcatrueiros. A Deputada de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Ana González Abelleira, presentou xunto á presidenta do colectivo, Tatiana Rodríguez De Azevedo, as novidades desta 36 edición do certame este mércores no Pazo de San Marcos. 
 
Logo de dous anos cun festival cun perfil nacional por mor da pandemia, “esta cita volve con forza a coller a súa dimensión internacional coa chegada á provincia de agrupacións de Costa Rica e O Senegal, ademais de contar coa presenza dos organizadores: a agrupación local Falcatrueiros”, explicou a Deputada. Ademais, felicitou á organización por este “Festival Internacional de Danza nunha unha cita de referencia no calendario musical da provincia de Lugo, que se converte nun punto de encontro de distintas culturas grazas ás magníficas actuacións cheas de luz e cor que poderemos ver na Praza Conselleiro Fernando Salgado”.

González Abelleira destacou que se trata dunha colaboración “dentro da nosa clara liña de apoio aos concellos e ao tecido asociativo para dinamizar a vida social e económica da provincia”. Así mesmo, destacou que “apostamos por un turismo de calidade e sostible, con capacidade para atraer visitantes todo o ano, que pon en valor o noso patrimonio e que crea riqueza e emprego, sobre todo no noso rural”. 


Programa
Esta edición do festival contará con dúas xornadas. A primeira delas será o martes, 16 de agosto, cando a Praza do Froito acollerá obradoiros de danzas do mundo a partir das 19:00 horas. Logo, ás 22:30 horas, actuará Malditos Roedores. 

O día grande será o mércores, 17 de agosto, a partir das 21:45 horas. Actuará a Compañía de Expresións culturais Costarricenses, de Costa Rica,  o Ballet de Alboury Dabo, do Senegal, e a asociación cultural Falcatrueiros, de Monterroso.  

 

Festival Internacional de Danza