Deputación de Lugo
Turismo

García Porto presenta o libro Achegas á Simboloxía do Románico da Ulloa, que conta co apoio da Deputación

Antas de Ulla
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo participou na presentación do libro do historiador Xosé Lois García, que repasa o patrimonio deste estilo arquitectónico que se atopa na comarca da Ulloa

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou este sábado na presentación do libro Achegas á Simboloxía do Románico da Ulloa, escrito polo historiador Xosé Lois García e editado polo Instituto de Estudos Ulloáns (IEU). O evento tivo lugar na Vella Igrexa de San Xoán, de Antas de Ulla, incluída no patrimonio románico da vila. 

A Deputación de Lugo adquiriu 500 exemplares deste libro que achega o románico da comarca da Ulloa a través de monumentos medievais que coexisten neste territorio. “Lugo, en especial o sur da provincia, conta cunha das maiores concentracións de románico rural de Europa e publicacións coma esta pon en valor e dá a coñecer este patrimonio que é recoñecido, en parte, como Ruta Transrománica grazas á institución provincial”, destacou García Porto.

A publicación conta con 46 edificacións, 10 Antas de Ulla, 16 en Monterroso e 18 en Palas de Rei, que a día de hoxe contan con simboloxía románica. Ademais, o Presidente da institución provincial, José tomé Roca, é o responsable da presentación do libro, destacando “o compromiso da Deputación nco coñecemento como un xeito fundamental de poñer en valor o noso patrimonio”.

García Porto recordou a importancia traballar por “un turismo de calidade, de experiencias, non masificado, de proximidade e sostible, que deixa un alto valor no territorio. Un turismo polo que apostamos dende a Deputación con diferentes accións, como este proxecto, ou coa posta en marcha de programas propios que encaixan co noso modelo de turismo e do que poden tamén gozar todos os públicos”.

Na presentación tamén participaron o Director do IEU, Francisco Pardo; o párroco de San Xoan de Antas de Ulla, Javier Diéguez, e o historiador e escritor, Xosé Lois García.

Ruta Transrománica

A Deputación de Lugo forma parte da Ruta Transrománica, que está recoñecida oficialmente co selo de Itinerario Cultural do Consello de Europa e trátase dunha das principais rutas culturais paneuropeas. Está integrada por rexións de 9 países da Unión Europea -Austria, Alemaña, Francia, Italia, Romanía, Portugal, Serbia, Eslovaquia e España- e aglutina un conxunto de monumentos románicos, moitos deles declarados Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.

A provincia de Lugo é o terceiro lugar de toda España que forma parte desta entidade, despois de Castela e León, co mosteiro de Santo Domingo de Silos, e a cidade de Zamora, e conta na súa ruta con 10 igrexas de arte románico situadas noutros tantos concellos da Ribeira Sacra: o mosteiro do Divino Salvador, en Ferreira de Pantón; a igrexa de San Xoán da Cova, en Carballedo; a igrexa de Santa María de Nogueira de Miño, en Chantada; a igrexa de San Pedro de Ribas Altas, en Monforte de Lemos; a igrexa de San Facundo de Ribas de Miño, en Paradela; a igrexa de San Nicolás ou San Xoán, en Portomarín; a igrexa de Santa María de Torbeo, en Ribas de Sil; a igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño, no Saviñao; a igrexa de Santa María de Proendos, en Sober; e a igrexa de Santa María de Taboada dos Freires, en Taboada.

Así mesmo, a institución provincial editou a primeira de catro guías sobre o románico na provinica de Lugo, Lugo Románico. O primeiro tomo, centrado na Ribeira Sacra, foi escrito por Miguel Mendoza, en colaboración con outros autores, e as imaxes realizadas por Pepe Tejero e Roberto Díaz.