Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación contribúe ao desenvolvemento do Plan de Sostibilidade Turística da Ribeira Sacra

Ribeira Sacra
O Deputado de Participación Cidadá asistiu no Saviñao á presentación de tres novas accións deste programa concedido polo Goberno do Estado ao Consorcio de Turismo da comarca: unha lanzadeira de Escairón á praia da Cova, un manual de boas prácticas para os visitantes e unha web para coñecer a opinión da veciñanza e viaxeiros da zona

O Deputado de Participación Cidadá, Roberto García Pernas, asistiu este martes na Praia da Cova, no concello do Saviñao, á presentación de tres novas accións enmarcadas no Plan de Sostibilidade Turística da Ribeira Sacra, concedido polo Goberno do Estado ao Consorcio de Turismo desta comarca, e que conta co apoio da Deputación de Lugo. A institución provincial achega 83.000 euros á entidade do sur da provincia para o desenvolvemento deste programa.

García Pernas destacou que o Plan de Sostibilidade Turística “é un éxito de colaboración entre as diferentes institucións, que traballamos xuntas co firme convencemento de que a Ribeira Sacra é un destino sostible, de calidade e con capacidade para atraer visitantes ó longo de todo o ano”. “Unha liña estratéxica que encaixa perfectamente e que servirá para consolidar o modelo de turismo polo que vimos apostando desde hai tempo na Deputación de Lugo”, asegurou o Deputado.

Ao acto asistiron a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; a Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez; o presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, Luis Fernández Guitian, e o Alcalde do Saviñao, Juan Carlos Armesto.

Este plan recolle un total de 38 liñas de actuación para abordar en tres anos. Este martes presentáronse tres accións co obxectivo de mellorar a mobilidade e fomentar o transporte sostible, o coidado do medio ambiente e a gobernanza participativa. O Deputado puido probar o funcionamento do autobús-lanzadeira gratuíto que acerca á veciñanza e visitantes dende Escairón ata a praia fluvial da Cova, evitando a masificación de vehículos particulares.

No acto presentouse tamén un Manual de boas prácticas para visitantes da Ribeira Sacra, e unha páxina web a través da que o Consorcio de Turismo recibe suxerencias para a mellora dos recursos turísticos naturais e patrimoniais da comarca.

A axuda económica que aporta a Deputación para materializar o Plan de Sostibilidade Turística representa o 40,5% da achega que deben facer os concellos, que asumen 200.000€ do total de 2M€ cos que está dotado o proxecto. Así, ademais de apoiar o turismo, con esta colaboración, a institución provincial tamén coopera cos concellos. A aportación da Deputación súmase a outras axudas que reciben os concellos a través do Plan Único, do que poden destinar parte para cubrir a súa aportación ao Plan de Sostibilidade Turística. Os 13 concellos da Ribeira Sacra lucense reciben da Deputación de Lugo a través do Plan Único un total de 4,3M€.

Solidaridade polos lumes

O Deputado mandou unha mensaxe de “afecto e solidaridade” coa veciñanza dos concellos afectados polos lumes que asolan o sur da provincia no seu nome e no do Presidente da institución, José Tomé Roca. “Tamén quero trasladar desde aquí o recoñecemento da Deputación aos efectivos que participan nas tarefas de extinción”, afirmou e desexou que os incendios poidan ser sofocados canto antes.