Cultura
Deputación de Lugo

A Vicepresidencia pon en valor a obra de Laxeiro no Museo Provincial de Lugo

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
Maite Ferreiro
MUSEO PROVINCIAL DE LUGO
LAXEIRO
A sala de gravado e debuxo galego amosa un novo debuxo do artista, homenaxeado polo Día das Artes Galegas

A vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, visitou a sala de gravado e debuxo galego do Museo Provincial de Lugo tras as intervencións realizadas para poñer en valor a obra de Laxeiro, participando das  actividades de recoñecemento que se están a realizar durante o ano a José Otero Abeledo, nomeado pola Real Academia Galega das Artes como homenaxeado polo Días das Artes 2022.

O Museo Provincial de Lugo ven de incorporar á sala un novo debuxo do artista, “Maternidade”, que ata agora non figuraba na exposición estable. Ademais, as outras tres obras do autor – “Cabeza de neno”, “Cristo” e un debuxo con cor no que emprega a técnica de pastel- foron reenmarcadas para mellor as súas condicións de conservación.

Maite Ferreiro convidou a visitar o Museo Provincial de Lugo para “achegarse a través destas catro obras ao mundo creativo dun autor esencial da arte galega do século XX” e valorou “as intervencións que o Museo ven facendo nos últimos anos para actualizar e mellorar as condicións de conservación da sala de debuxo e gravado”

Cadros de Laxeiro no Museo Provincial de Lugo

As catro obras foron adquiridas polo Museo Provincial de Lugo á Galería Citania de Santiago de Compostela no 1980. Trátase de catro debuxos sobre papel executados con distintas técnicas que nos aproximan ao seu singular mundo creativo e permítennos apreciar algunhas das súas principais características

“En Cabeza de neno” aínda pervive o artista máis tradicional e preocupado pola pola representación, pero que manexa con soltura a liña e a mancha, as sombras e as luces, para insinuar as faccións, sen definilas, e dar volume ao rostro.

En “Maternidade” o debuxo é máis esquemático, “picassiano”, potenciado polo uso da tinta negra, un medio que utilizaría con frecuencia e co que séntese moi cómodo. A fluidez da tinta permítelle unha execución rápida, manexar con soltura o pincel e combinar as liñas de distintos grosores e as manchas opacas, de negro profundo, coas gamas de grises augados. Nos debuxos, como nas pinturas, afai cubrir a maior parte da superficie, neste caso do papel. Ás veces adoita valerse tan só do trazo xestual para encher os ocos. Pero tamén sabe xestionar os baleiros, respectar as zonas que deixan á vista o branco do papel.

Nun dos debuxos, a obra Sen título utiliza principalmente a técnica do pastel e entra en relación directa coa pintura, tanto pola aplicación da cor como pola disposición do grupo de figuras deformes, grotescas, apiñadas, común en boa parte das súas composicións pictóricas. Unha maraña de liñas orgánicas que conectan cos seus cadros expresionistas, aqueles nos que despregou un particular imaxinario de lendas, mitos e ritos, contos populares, contos de cegos; festexos e celebracións, romarías e entroidos que
manexou cunha linguaxe renovadora.

O debuxo titulado “Cristo” é seguramente o que se atopa máis ao límite entre a figuración e a abstracción. Esta peza de pequeno formato, que entronca co tema relixioso, outra das preocupacións do pintor, proporciónanos unha mostra clara da capacidade do artista para articular ambos rexistros e é o deseño que mellor poderiamos relacionar co informalismo, que tanta influencia tivo na evolución da obra de Laxeiro. A obra está asinada e datada en 1978.