Cooperación concellos
Deputación de Lugo
Economía
Emprego

A Deputación involúcrase na recuperación da Feira en Defensa do Gandeiro da Montaña de Cervantes

feira en defensa do gandeiro da montaña
Cervantes
O Deputado de Medio Ambiente e o Deputado de Participación Cidadá participaron nesta cita que acolleu hoxe San Román de Cervantes co obxectivo de dinamizar o rural a nivel social, e tamén económico, pois a súa celebración terá un retorno para a economía local e da comarca

A institución provincial destinou 2.000€ e colaborou aportando 5 vacas da Granxa Gayoso Castro para a súa poxa na feira, que incluíu tanto exposición como venda de animais

O Deputado de Medio Ambiente, José Luis Raposo, e o Deputado de Participación Cidadá, Roberto García Pernas, participaron este sábado na II Feira en Defensa do Gandeiro da Montaña, que se celebrou en San Román de Cervantes organizada pola asociación Territorio Verde e o Concello. A institución provincial colabora coa celebración desta cita  cunha achega de 2.000 euros e cedendo 5 vacas da Granxa Gayoso Castro para a súa poxa. 

Os Deputados, que entregaron premios xunto ao Alcalde, destacaron que esta segunda edición da feira que volve “despois de dous anos tan duros de pandemia é unha gran noticia porque nos axuda a seguir poñendo en valor e apoiando o noso sector agrogandeiro e o noso rural, que son realmente a esencia da provincia de Lugo”.  Ademais, que volva esta cita ten un dobre valor, explicou o Deputado de Medio Ambiente, porque no 2019 recuperárase despois de que non se celebrara dende o ano 1985. “Isto é un feito moi importante, que dá boa mostra do que, dende a Deputación de Lugo, non nos cansamos de repetir: que o noso rural non está baleiro, senón que está cheo de ideas e de iniciativas, que necesitan de políticas públicas para saír adiante”. 

García Pernas eloxiou a todas as persoas que traballan para facer posible a feira, como son o Concello de Cervantes e Territorio Verde, pero tamén os gandeiros e gandeiras, unha peza fundamental para o éxito da cita.  “Parabéns polo voso compromiso e polo voso traballo para sacar adiante esta feira, coa que colaboramos dende a Deputación de Lugo, porque coincide plenamente cunha das nosas liñas de actuación prioritarias, como é o apoio aos sectores produtivos, sobre todo ao sector primario, estratéxico para a nosa provincia”, recalcou.

“Apoiamos esta feira porque dinamiza o noso rural a nivel social, e tamén a nivel económico, pois a súa celebración ten un retorno para a economía local, de Cervantes e da comarca, cun impacto positivo na hostalería, no comercio e no turismo. E tamén colaboramos porque este tipo de iniciativas visibilizan, promocionan e poñen en valor o noso sector agrogandeiro, o traballo dos gandeiros e gandeiras, e a alta calidade dos seus produtos, e isto para a Deputación de Lugo, é fundamental”, dixo o Deputado de Participación Cidadá.

Unha feira coma as de antes 
Con esta iniciativa promovida pola Asociación Territorio Verde, recuperouse no 2019 unha feira tradicional de cabezas de vacún que non se celebraba no concello de Cervantes dende o ano 1985. Coa tenreira galega como protagonista, esta cita anual contribúe a fomentar a unión e o traballo conxunto dos gandeiros e gandeiras para impulsar a produción de carne de tenreira da mellor calidade, un sector económico clave para o desenvolvemento do territorio dos Ancares e para fixar poboación. 

Nesta segunda edición houbo tanto exposición como venda de animais. Participaron máis de 160 cabezas propiedade de máis de 60 gandeiros e gandeiras, unha cifra superior á da edición anterior. Ademais, houbo máis diversidade de animais, xa que ademais de gando vacún, tamén contou con cabalos, cabras ou ovellas. 

A organización pretende volver a poñer en auxe o espírito das feiras de hai 40 anos que se celebraban ao aire libre e eran o principal punto de venda de gando, un feito que revaloriza os prezos e dá peso a este sector que é vital para a Montaña lucense.