Deputación de Lugo
Formación

A Deputación acolle un curso formativo sobre ciberseguridade e ciberdelincuencia

Ciberseguridade
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo participou na apertura do encontro, que se levou a cabo este mércores en xornada de mañá e tarde no Pazo de San Marcos

“Trátase dun curso moi indicado nunha provincia como Lugo, cun marcado índice de envellecemento da poboación e cunha deficiente cobertura dixital, dous factores que sen dúbida elevan o risco potencial de padecer ciberdelincuencia”

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou este mércores na apertura dun curso de formación sobre ciberseguridade e ciberdelincuencia  celebrada no Pazo de San Marcos. O encontro, organizado polo Sindicato Unificado de Policía, celebrouse en xornada de mañá, aberta ao público en xeral, e tarde, máis especializada e para membros das forzas e corpos de seguridade do Estado. 

García Porto puxo en valor “o compromiso continuado da Deputación coa formación e a divulgación do coñecemento, que debe ser unha ferramenta básica para mellorar como persoas e como sociedade”. Por iso, asegurou, “é un pracer acoller hoxe neste Salón de Actos este curso”, que é “moi indicado, tamén, nunha provincia como Lugo, cun marcado índice de envellecemento da poboación e cunha deficiente cobertura dixital, dous factores que sen dúbida elevan o risco potencial  de padecer ciberdelincuencia”.

“Xunto coas súas moitas vantaxes, fenómenos como a xeneralización do uso do móbil, do correo electrónico ou das redes sociais teñen ocasionado a súa propia delincuencia. Unhas malas prácticas que, por desgracia, asoman con frecuencia nas noticias. Casos de abusos en redes sociais; timos ou estafas a través de correos ou mensaxes fraudulentos; intentos de suplantación de identidade. A rapidez coa que se expande a tecnoloxía e a inmediatez do seu uso vólvennos, ás veces, menos prudentes do que deberíamos á hora de tomar precaucións para evitar ser vítimas deste tipo de condutas delitivas”, asegurou Pilar García Porto. 

Neste sentido, a Deputada recoñeceu “o magnífico traballo que desenvolven as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado. Non só na loita directa contra estes delitos, senón tamén axudando a tomar conciencia entre a cidadanía de cales son as condutas necesarias para evitalos”. “Nunha época na que abundan as noticias “fake” ou nas que os buscadores de internet ofrecen información sesgada ou pouco útil, as redes sociais das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado estanse a converter en difusores de coñecemento verídico, sen xerar alarmismo, e con indicacións sinxelas e claras que todos e todas comprendemos”, asegurou Pilar García Porto.

No acto de presentación tamén participaron a Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez López; o Comisario Xefe de Operacións da Comisaría de Lugo, Luis Miguel Romera Pérez; o xefe da Brigada Provincial da Policía Xudicial de Lugo, Moisés Muñiz García, e o Secretario Xeral do Sindicato Unificado de Policía, Alfonso Darriba Andión.