Deputación de Lugo

Miguel Fernández: “A visión interdisciplinar e o traballo ininterrompido da Asociación Concepción Arenal son claves para construír unha reinserción real e efectiva”

xornadas penitenciarias concepcion arenal
A Deputación provincial participou nas Xornadas Penitenciarias, celebradas onte e hoxe na sede da UNED de Lugo, e que conforman un foro de referencia e reflexión que promove a asociación Concepción Arenal dende hai corenta anos.

A asociación ofrece servizos de reinserción social a persoas que cumpriron penas de prisión, e a través da colaboración coa Deputación, leva a cabo iniciativas como ‘Motivación ó cambio: programa motivacional dirixido a persoas internas en centros penais’.

O deputado Miguel Fernández, interviu hoxe no acto de clausura das xornadas salientando o “compromiso do organismo provincial pola atención á poboación penitenciaria e pola dignidade e os dereitos das persoas con diversidade funcional“.

A Deputación de Lugo participou esta tarde na clausura da 40ª edición das Xornadas Penitenciarias Lucenses, un encontro de referencia no ámbito da reflexión social e penitenciaria. Durante dous días, a sede da UNED de Lugo acolleu a profesionais do ámbito xudicial, académico e social para analizar o impacto da reforma lexislativa na autonomía das persoas con discapacidade  desde unha perspectiva multidisciplinar, no quinto aniversario da Lei 8/2021.  

As Xornadas Penitenciarias Lucenses, organizadas pola Asociación Penitenciaria Concepción Arenal están consolidadas como un espazo estable de análise, debate e reflexión no que cada ano se abordan cuestións sociais de grande relevancia vinculadas ao sistema penal, á protección de dereitos e á construción dunha cidadanía máis igualitaria e solidaria. 

No segundo día das xornadas, abordouse a aplicación práctica da Ley 8/2021 dende o punto de vista dos profesionais sociais, a través dunha mesa redonda e posterior debate. 

Tras ela, tivo lugar o acto de clausura deste foro, a cargo do deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández, xunto á presidenta da Asociación Penitenciaria Concepción Arenal, Elvira Paloma Fernández, e a directora da UNED en Lugo, Ana Belén Traseira.

O deputado destacou a traxectoria deste foro lembrando que “40 edicións non son só unha cifra redonda; son a constatación de catro décadas de compromiso ininterrompido co análise rigoroso, o pensamento crítico e a defensa dos dereitos sociais”.   


Miguel Fernández apelou ao legado de Concepción Arenal para lembrar que “as leis só cobran vida real cando se traducen en dignidade cotiá para as persoas” e subliñou o papel das institucións para dar resposta a estes retos. “Un dos maiores valores destas xornadas volve ser o seu enfoque interdisciplinar. A confluencia entre o dereito, o traballo social, a facilitación procesual e as entidades do terceiro sector demóstranos que só desde a comprensión integral e intelixente é posible construír unha sociedade verdadeiramente igualitaria, accesible e inclusiva”, indicou.   

Para concluír, Fernández reafirmou o apoio da Deputación de Lugo ao coñecemento compartido e á cooperación institucional como motores de avance social, salientando que “as sociedades non avanzan por inercia: avanzan cando son quen de mirarse ao espello, avaliar as súas leis con rigor e traballar unidas para non deixar a ninguén atrás”.

40 anos ao servizo da reinserción social

A Asociación Penitenciaria Concepción Arenal de Lugo, fundada en 1989, é unha entidade centrada na reinserción social de persoas que cumpriron penas de prisión. 

Os servizos que prestan inclúen a asistencia a liberados, proporcionándolles información, orientación e asesoramento xurídico; a colaboración con organismos competentes no tratamento e asistencia a persoas en liberdade condicional e definitiva; o desenvolvemento de actuacións para acadar a integración social dos liberados e da súa contorna; a organización de eventos formativos e de sensibilización; e a promoción de actividades enfocadas no estudo da problemática penitenciaria e na análise da delincuencia, entre outros servizos.