Deputación de Lugo
Emprego

O Presidente dá a coñecer en Burela o programa de emprego xuvenil Reiníciate: enfoca o teu futuro

Reiníciate: enfoca o teu futuro
Plan de Impulso da Economía
emprego xuvenil
José Tomé Roca, acompañado polo Alcalde da localidade, deu conta na Casa do Concello desta iniciativa que está dirixida á mocidade de entre 16 e 30 anos en situación de desemprego e inscrita no Sistema de Garantía Xuvenil

Na presentación participaron tamén representantes de asociacións da comarca de moi diversos ámbitos, mozos e mozas interesados en coñecer o programa e tamén o influencer Dani Irimia, de Foz, encargado da promoción nas redes sociais e nos concellos

A iniciativa arrancou en xaneiro e ten aínda 230 prazas dispoñibles para formarse en profesións con alta demanda vinculadas coas novas tecnoloxías e a dixitalización

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presentou en Burela este martes o Programa de Acompañamento á Inserción Laboral da Mocidade Reiníciate: enfoca o teu futuro xunto co Alcalde da localidade, Alfredo Llano. Tratouse dun encontro na Casa do Concello con mozos e mozas da comarca no que tamén participaron asociacións e entidades que poden participar nesta iniciativa, e contouse co influencer de Foz Dani Irimia, encargado da promoción nas redes sociais e nos concellos. 

Tomé Roca subliñou que este programa é froito da colaboración da institución provincial e a Escola de Organización Industrial (EOI) e no que invisten máis de 1M€. Reiníciate: enfoca o teu futuro ten como obxectivo favorecer a inserción no mercado de traballo de máis de 400 mozos e mozas da provincia ofrecéndolles formación gratuíta e prácticas remuneradas en empresas e entidades en profesións con alta demanda vinculadas coas novas tecnoloxías e a dixitalización.

“O noso obxectivo é ofrecer á xente nova ferramentas que lle axuden a encontrar traballo nas profesións que teñen máis demanda, que teñen máis futuro, como son todas aquelas vinculadas coas novas tecnoloxías e coa dixitalización. Unha demanda que, ademais, estamos incentivando dende a propia Deputación cun plan de apoio á dixitalización de PEMES e autónomos”, explicou o Presidente. 

Promovido pola Deputación e a EOI, este programa conta cun orzamento total de 1.082.950€, achegados nun 85,9% pola Escola de Organización Industrial a través do Fondo Social Europeo, que supón 930.254,05€. A institución provincial asume o 14,1% restante, o que supón 152.695,95€. Un programa que dá continuidade ao Reiníciate: dixitaliza a túa empresa, que tamén puxeron en marcha ambas entidades e que está tendo moi boa acollida entre as empresas da provincia.

230 prazas dispoñibles

Este programa forma parte do Plan de Impulso da Economía da Provincia lanzado pola Deputación para favorecer a reactivación do tecido produtivo fronte ao impacto da pandemia. Ofrece formación gratuíta e prácticas remuneradas en empresas e entidades en profesións con alta demanda vinculadas coas novas tecnoloxías e a dixitalización.
A iniciativa arrancou en xaneiro e ten aínda 230 prazas dispoñibles para mozos e mozas de entre 16 e 30 anos e inscritos no Sistema de Garantía Xuvenil. “O obxectivo é darlles ferramentas para axudarlle a encontrar traballo ofrecéndolles para iso información especializada, teórica e práctica, naqueles ámbitos que hoxe en día máis se reclaman no mundo laboral”, explicou José Tomé. 
 
O Reiníciate inclúe ata tres meses de prácticas non laborais remuneradas. O alumnado poderá completar a súa formación tanto en empresas como en asociacións da provincia cobrando uns 700€ ao mes durante este período.
 
A formación está dirixida, principalmente, á adquisición de coñecementos e tarefas vencelladas ás novas tecnoloxías, á dixitalización e á administración electrónica. Os contidos das 23 accións centraranse nas ramas de: community manager e márketing dixital, xestión informática para pemes e asociacións, xestión informática para licitacións públicas, xestión comercial e redes sociais.
 
Estes programas estanse a impartir de maneira semipresencial, co obxectivo de facilitar que o alumnado poida recibir formación dende calquera punto da provincia, dándolles un trato personalizado e fomentado o traballo en equipo.
 

 

INSCRICIÓNS: Empleojovenlugo.es