Sobria e Serena, Estíbaliz Veiga, Marina Marroquí e Amelia Tiganus concienciarán sobre a eliminación da violencia machista con propostas diversas arredor do 25N
A reivindicación sairá á praza de San Marcos na xornada do 25N, coa lectura dun manifesto institucional e unha acción simbólica do alumnado da Escola de Formación Audiovisual da Deputación.
Marina Marroquí, vítima de violencia de xénero na adolescencia, levará o seu monólogo Esto no es amor ante máis de 400 estudantes da Terra Chá e da Mariña no auditorio de Vilalba o 4 de decembro.
Amelia Tiganus, supervivente de trata de mulleres, pechará o ciclo na Deputación o 10 de decembro, Día Internacional dos Dereitos Humanos.
A Deputación de Lugo conmemorara o 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, unha programación diversa co obxectivo de implicar a todos os públicos na prevención e na erradicación das violencias machistas. Entre o 21 de novembro e o 10 de decembro, a institución provincial ofrecerá propostas de distintos formatos —combinando artes escénicas, humor e reflexión crítica. “O obxectivo é conectar coa cidadanía, facer pensar e contribuír a desmontar prexuízos”, destaca a deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira.
A programación arrancará o 21 de novembro co monólogo Risas con perspectiva feminista, do dúo galego Sobria e Serena. Será ás 19.00 horas no salón de actos do Pazo de San marcos.
Arantxa Treus e Jazmín Abuín son dúas amigas, actrices e humoristas que comezaron en redes sociais cun humor irreverente e cotiá e que teñen xa un amplo recorrido nos escenarios galegos. Combinan monólogos, teatro e televisión cun estilo fresco, próximo e cheo de retranca. Destacan pola súa capacidade para conectar co público a través dun humor actual e reivindicativo, converténdose en dúas das voces femininas máis recoñecidas da comedia en Galicia.
Ao día seguinte, 22 de novembro, de novo o salón de actos do Pazo de San Marcos acollerá unha innovadora proposta, ás 12.00 horas. Trátase da representación teatral Golpes, unha peza da compañía galega aAntena, escrita e dirixida por Xosé Leis e interpretada pol a actriz luguesa Estíbaliz Veiga.
Golpes é o relato de accións cotiás dunha moza, Pamela, nas que se ve como vai cedendo e converténdose nunha vítima de violencia machista. A historia busca que o público identifique os micromachismos e os indicios de violencia no día a día. Trátase dunha primeira aproximación emocional ás relacións afectivas, os estereotipos de xénero, o amor romántico e as distintas formas de violencia que poden chegar a normalizarse durante a adolescencia e tamén posteriormente.
Tras a representación haberá unha análise audiovisual e un debate guiado, ademais dunha charla sobre a pedagoxía do consentimento, para incidir en aspectos como a liberdade decisión, a comunicación, o respecto aos límites propios e alleos, a presión de grupo e a responsabilidade afectiva.
Xornada central: manifesto institucional e acción do alumnado da Escola de Formación Audiovisual da Deputación
A programación continuará o mércores, 25 de novembro. A deputada Marisol Morandeira dará lectura ao manifesto institucional aprobado previamente pola xunta de voceiros. De xeito paralelo, a institución prevé a colocación de lonas negras no balcón de Presidencia e o reparto de paraugas e calendarios con datos e información sobre violencia de xénero.
A xornada contará tamén coa acción simbólica En camiño contra as violencias, protagonizada polo alumnado da Escola de Formación Audiovisual da Deputación de Lugo, que ademais conmemora o décimo aniversario do proxecto. Durante o acto, o alumnado fará unha lectura coral e unha acción visual, consistirá en percorrer un camiño de pegadas ata unha pancarta colectiva. Ademais, cubrirán as palabras relacionadas coas violencias machistas para deixar visibles os valores do respecto e a liberdade. O acto finalizará cun berro colectivo do alumnado.
Marina Marroquí achegará a estudantes o monólogo Eso no es amor en Vilalba
A programación arredor do 25N estenderase ao longo do mes de decembro e chegará a outras localidades. O venres día 4, ás 10.30 horas, o auditorio municipal de Vilalba acollerá o monólogo Eso no es amor, de Marina Marroquí. A actividade está dirixida ao alumnado de Secundaria e Bacharelato e xa supera as 400 inscricións de centros da Mariña e da Terra Chá.
Educadora social, escritora e supervivente da violencia machista na adolescencia, Marina Marroquí é unha das voces de maior referencia en España na prevención precoz do maltrato entre a mocidade. Galardoada con recoñecementos como o Premio Menina e autora do éxito editorial Eso no es amor, leva anos percorrendo institutos de todo o Estado cun formato didáctico que emprega o humor como ferramenta de choque para desmontar os mitos do amor romántico e detectar o control nas redes sociais. Os centros educativos interesados poden realizar a súa inscrición a través do correo electrónico mullereigualdade@deputacionlugo.org ou chamando ao teléfono 982 260 029.
Amelia Tiganus pechará o ciclo polo Día dos Dereitos Humanos
Outra referente neste campo, Amelia Tiganus, pechará a programación arredor do 25N o 10 de decembro, ás 19.00 horas, no salón de actos da Deputación. A escritora e activista abordará a violencia sexual e a trata de mulleres con fins de explotación sexual, coincidindo coa celebración do Día dos Dereitos Humanos.
Escritora, formadora e activista feminista, Tiganus está considerada unha das voces máis contundentes a nivel estatal e internacional na análise crítica da violencia sexual, a industria da pornografía e a trata de mulleres con fins de explotación sexual. Supervivente do sistema prostitucional, transformou a súa historia en ferramentas pedagóxicas a través de obras de referencia como La revuelta de las putas e foi recoñecida polo Ministerio de Igualdade pola súa labor na defensa dos dereitos humanos das mulleres.
“Aínda que desde a Deputación desenvolvemos políticas de igualdade durante todo o ano, estas datas permítennos intensificar a prevención e a concienciación social, que son a base para erradicar esta lacra. Temos claro que o cambio empeza polos mozos e mozas”, asegura Morandeira, polo que a institución apostou por propostas para chegar de forma efectiva a ese público. Así mesmo, a deputada destaca o apoio técnico e económico que a Deputación presta ao tecido asociativo lucense e aos concellos para que a sensibilización e a formación chegue a toda a provincia ao longo de todo o ano.