Deputación de Lugo
Turismo

O Presidente da Deputación presenta en FITUR a nova campaña Lugo, Provincia de Cine para impulsar o turismo a través do audiovisual

FITUR
cine
José Tomé Roca subliñou que a institución busca consolidar un modelo turístico sostible e de calidade, incorporando “ás múltiples opcións” existentes o turismo “ligado ás rodaxes”, unha vía “moi interesante e frutífera para a promoción do territorio” que pode converterse ademais nun “factor de desenvolvemento do rural”

“As rodaxes teñen un retorno económico directo e logo, o impacto da estrea abre unha nova vía de desenvolvemento, ao atraer visitas aos lugares onde se ambientaron producións de éxito, como poden ser O Sabor das Margaridas, Doghs, O que Arde ou Live is Life, por citar só algunhas das máis recentes”, explicou o Presidente

A Ministra de Industria, Comercio e Turismo asistiu á presentación da nova campaña turística da Deputación, celebrada no stand de Turespaña, na que persoeiros vinculados co sector audiovisual aportaron o seu punto de vista sobre o potencial e os valores da provincia como fonte de inspiración e plató de rodaxe

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presentou este xoves na Feira Internacional de Turismo (FITUR) a nova campaña Lugo, provincia de cine, coa que a institución busca impulsar o turismo a través do audiovisual como unha vía “moi interesante e fructífera para a promoción do territorio” que pode converterse ademais nun “factor de desenvolvemento do rural”. No acto, celebrado no stand de Turespaña, estivo presente a Ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto; o Secretario de Estado de Turismo, Fernando Valdés Verelst, e o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, entre outros deputados e deputadas, ademais de alcaldes e alcaldesas, e operadores e medios nacionais e internacionais.

Para a presentación, a Deputación de Lugo contou coa participación do presidente e fundador de CTV, Ghaleb Jaber Ibrahim; o produtor de Gaitafilmes, Suso López, e o produtor audiovisual de Amanita Films e codirector do festival FanCine, Iván Patiño, todos vinculados ao sector audiovisual, que explicaron o potencial da provincia como fonte de inspiración e como escenario de producións. 

Co proxecto Lugo, provincia de Lugo, a Deputación pretende consolidar “un modelo de turismo sostible, non masificado, cunha oferta de calidade e diversificada, vinculado coa natureza, o patrimonio cultural, a historia e a gastronomía”, incorporando “ás múltiples opcións” existentes na actualidade “o turismo ligado ás rodaxes, buscando a complicidade da ilusión, o dinamismo e a maxia que sempre suxire a produción audiovisual”, explicou o Presidente.

O mandatario provincial lembrou neste sentido que a Deputación mantén “un apoio decidido ao audiovisual, unha aposta pola cultura e pola economía, cun sector que non deixa de medrar. Pero tamén estamos convencidos de que a presenza de paisaxes da nosa provincia nas salas, nos festivais e nas plataformas audiovisuais constitúe unha vía moi interesante e fructífera para a promoción do territorio”.
“Buscar a interrelación entre a produción audiovisual e o turismo pode converterse, sen dúbida, nun factor de desenvolvemento para o rural”, explicou José Tomé, argumentou, incidindo en que “as rodaxes teñen un retorno económico directo e logo, o impacto da estrea abre unha nova vía de desenvolvemento, ao atraer visitas aos lugares onde se ambientaron producións de éxito, como poden ser O Sabor das Margaridas,  Doghs, O que Arde ou Live is Life, por citar só algunhas das máis recentes”.

Desta forma, asegurou o mandatario provincial, “o turismo convértese nun factor de equilibrio territorial, nun sector capaz de xerar emprego de calidade que permita á mocidade do rural desenvolver proxectos de vida nos seus lugares de orixe porque, ao igual que o cine é un diálogo entre o creador e os espectadores, o turismo é un encontro entre o que chega e o que vive habitualmente nun lugar”.

O Presidente puxo en valor a longa tradición da provincia como escenario de rodaxe de producións audiovisuais, “protagonizada por directores como Gracia Querejeta, Manuel Gutiérrez Aragón, Mario Camus ou Gonzalo Suárez, e que, entre moitos outros, renovaron máis recentemente con éxito creadores como os irmáns Coira, Oliver Laxe e Dani de la Torre”.

José Tomé resaltou así mesmo o vínculo entre a ficción audiovisual e o turismo. “Son un símbolo da democratización da cultura do ocio no século XX. Saímos de viaxe coa mesma ilusión coa que nos asomamos á pantalla, para descubrir mundos novos, sentir emocións diferentes ou vivir novas experiencias”.

Implicación do sector

A Deputación de Lugo contou para a presentación de Lugo, provincia de cine coa participación de representantes do sector audiovisual que aportaron o seu punto de vista acerca dos valores da provincia de Lugo como fonte de inspiración e escenario de rodaxe.

O presidente e fundador de CTV, Ghaleb Jaber Ibrahim, destacou a versatilidade e o “extraordinario potencial da provincia de Lugo como  plató de cine e televisión”. CTV, con case 40 anos de historia, é a produtora de O Sabor das Margaridas, que achegou unha historia rodada en paisaxes da provincia a más de 200 países.

Pola súa banda, Suso López, productor de Gaitafilmes, radicada en Meira, destacou que “nos últimos anos producimos dúas longametraxes aproveitando en boa medida as facilidades e o potencial humano, técnico e creativo que nos ofrece a provincia de Lugo como un espazo para o cine” e engadiu que “pouco a pouco se está a asentar unha convivencia cinéfila na provincia grazas aos proxectos pequenos e ás rodaxes de entidade”.

Iván Patiño, produtor audiovisual de Amanita Films e organizador de FanCine, en Monforte, destacou que a “exhibición e distribución son tamén patas fundamentais para crear una industria e unha experiencia visual diferente”. Así mesmo destacou que o FanCine realiza proxección en bosques de castaños ou bodegas “que fan que a experiencia de ver cine quede gravada para sempre”.