Cooperación concellos
Deputación de Lugo
Formación

A Deputación e a USC actualizarán a enquisa de infraestruturas e equipamentos locais da provincia

USC
convenios
ANTONIO LOPEZ
O Presidente e o reitor asinaron este xoves un convenio de colaboración de preto de 100.000€ para elaborar conxuntamente este traballo que servirá para avaliar as necesidades dos concellos a efectos de cooperación económica local do Estado

Os datos que se obteñan enviaranse ao Grupo de Traballo da EIEL do Ministerio de Política Territorial e Funcional Pública co obxectivo de favorecer o desenvolvemento equilibrado e sostible dos concellos de Lugo

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, asinaron este xoves un convenio de colaboración para a actualización, análise, mantemento e mellora da Enquisa de Infraestruturas e Equipamentos Locais (EIEL) da provincia de Lugo. A institución provincial compromete unha achega para este fin de 91.000€ en dúas anualidades, a deste 2021 e a de 2022, e a Universidade farase cargo de 8.000€.

Esta enquisa constitúe un inventario estatal dos servizos de todos os municipios de menos de 50.000 habitantes, e é o instrumento básico de valoración das necesidades dos concellos a efectos da cooperación económica local do Estado. Os datos que se obteñan serán enviados ao Grupo de Traballo da EIEL (GT-EIEL) do Ministerio de Política Territorial e Función Pública. 

A Deputación e a USC amosan con este acordo un compromiso conxunto para favorecer o desenvolvemento equilibrado e sostible dos concellos da provincia de Lugo, tentando diagnosticar os posibles desequilibrios existentes en materia de infraestruturas e equipamentos. O resultado deste traballo xerará un importante valor engadido ás actuacións e iniciativas promovidas tanto pola institución provincial como pola universidade.

A Universidade de Santiago de Compostela actuará neste proxecto representada polo Laboratorio do Territorio, un grupo de investigación e docencia que está integrado na Escola Politécnica Superior e que centra o seu traballo no territorio, máis concretamente no rural. 

Recompilaranse datos procedentes de proxectos dos anos 2020 e 2021 de obras de infraestruturas, execución de equipamentos municipais e de calquera outra obra de interese que estean rematadas ou en execución. Inclúese a visita física e presencial aos diferentes concellos para comprobar os datos, recoller información de novas infraestruturas e elementos que non foran contemplados en fases anteriores. 

Así mesmo, este acordo servirá para prestar asistencia aos concellos ao respecto deste traballo e tamén a aquelas entidades, empresas e particulares que a precisen. Tamén se lle impartirá un curso en sistemas de información xeográfica (SIX) a técnicos municipais en relación con esta enquisa. 

EIEL na provincia
Dende o ano 2000, a Deputación de Lugo e o Laboratorio do Territorio da USC colaboran neste traballo de implementación e actualización da Enquisa para a Provincia de Lugo, elaborando un inventario detallado das infraestruturas e equipamentos locais de todos os concellos excepto da capital provincial, sumando así un total de 66 concellos enquisados. 

A enquisa engloba dende a súa constitución a máis de 3.750 entidades de poboación recoñecidas no Nomenclátor do Instituto Nacional de Estatística (INE), se ben dende a edición do 2016 vense realizando unha ampliación anual que chega a analizar a 5.000 entidades de poboación.