Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

O Presidente inaugura en Meira o sétimo Centro de Atención a Maiores da Deputación de Lugo

Deputación de Lugo
Residencias
Meira
José Tomé Roca definiu a rede pública de residencias provinciais como “unha verdadeira medida de apoio ao noso rural, unha medida real para que a xente se quede a vivir nas nosas aldeas e concellos”

O Centro de Maiores de Meira, subliñou, “ofrecerá un servizo público de calidade que garante o benestar e a tranquilidade dos usuarios e usuarias e as súas familias, favorece o arraigo dos maiores no seu entorno e, ademais, crea emprego e dinamiza a economía”

A Deputación crea con esta nova dotación social 25 postos de traballo directos para unha atención practicamente personalizada das 30 persoas residentes, aos que hai que sumar os empregos indirectos e o retorno económico que terá para a zona o funcionamento do centro

Os usuarios e usuarias da residencia meirega coñeceron hoxe as instalacións e mañá comezarán os preingresos

A institución provincial investiu 2M€ na construción, equipamento e posta en marcha destas instalacións, que se suman ás de Trabada, Pol, Ribadeo, A Fonsagrada, Castroverde e Pedrafita do Cebreiro

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto ao Alcalde de Meira, Antonio de Dios, inaugurou este xoves o Centro de Atención a Maiores Santa María de Meira, que pon en marcha a institución provincial en colaboración co Concello, a sétima da rede provincial.

No acto tamén participaron deputados e deputadas provinciais, membros da Corporación municipal, e veciños e veciñas do municipio, ademais de persoas que entrarán a vivir na residencia e familiares. De feito, os usuarios e usuarias coñeceron hoxe as instalacións e mañá comezarán os preingresos.

José Tomé Roca destacou que a apertura deste Centro de Atención a Maiores, co “que cumprimos cun compromiso moi importante que tiñamos co Concello de Meira e cos veciños e veciñas deste municipio”, é “unha verdadeira medida de apoio ao noso rural, unha medida real para que a xente se quede a vivir nas nosas aldeas e concellos, e, en definitiva, para que o noso rural teña futuro”, asegurou.

Neste sentido, incidiu en que esta nova dotación social, que conta con 30 prazas de residencia -ampliables a 38 se fose preciso-, ofrecerá un servizo público de calidade “que consegue tres cuestións fundamentais: garante o benestar e a tranquilidade dos usuarios e usuarias e as súas familias, favorece o arraigo dos maiores no seu entorno e, ademais, crea emprego e dinamiza a economía”.

Neste sentido, o Presidente lembrou que a Deputación de Lugo ten implantado un modelo de xestión 100% pública, “que pon no centro ás persoas, non ao negocio”. “O único interese que temos é prestarlle ás persoas maiores os mellores coidados e atención, que sintan que este é o seu fogar e que aquí formen unha nova familia”, subliñou. 

José Tomé recalcou así mesmo que o centro ten 30 prazas e contará con 25 traballadores e traballadoras, “polo que a atención será practicamente personalizada porque haberá case un residente por traballador”. 

En canto ao arraigo dos maiores no seu entorno, o mandatario provincial explicou que o centro de Meira consegue este obxectivo por dous motivos. Por un lado, porque no acceso ás prazas tiveron prioridade os veciños e veciñas do concello, logo os veciños da comarca e seguidamente os do resto da provincia de Lugo. Polo tanto, “as persoas que necesitan coidados e que queren vivir aquí, teñen a oportunidade de facelo, quedándose no lugar no que pasaron toda a vida, xunto ás súas familias, amigos e veciños”, afirmou. 

Por outro lado, a residencia meirega favorece o arraigo porque está plenamente integrada na vila, destacou o Presidente: “Sitúase nunha zona preciosa, ao lado do río e do parque, e moi cerca do centro do pobo, polo que os residentes poderán compartir a súa vida diaria cos seus veciños”.

Polo que respecta á creación de emprego e actividade económica, José Tomé avanzou que esta dotación pública “crea 25 postos de traballo directos, aos que hai que sumar os empregos indirectos, e tamén o efecto multiplicador que terá para a zona o funcionamento do centro, xa que todo o que necesite a residencia e que sexa posible comprar na zona, comprarase na zona”.

Un investimento provincial de 2M€

A Deputación de Lugo fixo un investimento de 2M€ na construción, equipamento e posta en marcha da residencia de Meira, ao que hai que sumar a aportación do Concello, que sumou uns 200.000€  e o terreo no que se sitúan as instalacións.

Ademais deste “gran esforzo económico”, detrás do centro de maiores meirego, recalcou o Presidente, “hai un gran compromiso político, e tamén un gran traballo de moita xente”, polo que agradeceu “o labor de todo o equipo político e técnico da Deputación de Lugo e do Concello de Meira” para poñer en marcha o novo servizo, ademais de garantir que tanto a institución provincial como a local “seguiremos traballando para que, a partir de agora, o funcionamento e a atención da residencia sexa óptima e ofreza o mellor servizo posible ás persoas que vivan nela”.

Características

O  Centro de Atención a Maiores Santa María de Meira ocupa unha extensión de 3.312 m2, dos cales 734 m2 están destinados ao edificio. Esta parcela atópase na rúa Grupo Escolar, no casco urbano da vila. O edificio conta con planta baixa coas seguintes dependencias: vestíbulo, recepción, aseos adaptados, baños asistidos, despacho de dirección, sala de curas, rehabilitación, sala polivalente, sala de convivencia, sala de terapia, comedor, servizos de cociña, servizos de lavandería e vestiarios do persoal.

Na primeira planta, sitúase o control de enfermería, baño xeriátrico e 14 habitacións con baño individual. Na segunda planta, hai un local de apoio e outras 16 habitacións con baño individual. Son, polo tanto, 30 habitacións, que poderán ser dobres en caso de necesitar máis prazas na residencia. Os residentes contarán con camas de 105cm, fronte aos 90cm habituais noutros centros, e contarán tamén con mobiliario exterior.

Rede provincial de centros de maiores

A de Meira é a cuarta residencia que abre a Deputación de Lugo no que vai de mandato, e a sétima da rede provincial, pois xa están en marcha Pol, Trabada, Ribadeo, Castroverde, Pedrafita do Cebreiro e A Fonsagrada, e “seguiremos avanzando para cumprir cos compromisos que como institución temos adquiridos en materia de residencias”, confirmou o Presidente.

No ano 2022, a institución provincial ten previsto abrir seguindo este modelo os centros de Navia de Suarna e Ribas de Sil, ademais de traballar noutros proxectos, como os da Pontenova, Portomarín, Guitiriz, Becerreá, A Pobra do Brollón, Ourol, Folgoso do Courel ou Ferreira de Pantón, entre outros.