Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

En camiño contra as violencias da Deputación condena na rúa este 25N os feminicidios e os ataques ás mulleres

25N
violencia machista
A sociedade da provincia uniuse a esta quinta andaina reivindicativa pola cidade de Lugo que partiu do Centro de Formación Audiovisual e rematou na praza de San Marcos cun encontro interxeracional entre residentes do Centro de Atención a Maiores da Deputación na Fonsagrada e nenos e nenas do CEIP de Xermade

O Presidente expresou que “oxalá non tiveramos que estar hoxe aquí, un ano máis, continuando con esta loita. Que non tiveramos que estar facendo esta reivindicación significaría que a nosa sociedade cambiaría para mellor, pero é preciso seguir saíndo á rúa para visibilizar e concienciar contra esta lacra”

Na fachada do Pazo de San Marcos proxectarase o videomapping A provincia de Lugo contra as violencias machistas. Tamén depende de ti, con vídeos e fotografías da veciñanza condenando este problema social

A veciñanza da provincia uniuse este xoves, 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, á marcha reivindicativa En camiño contra as violencias organizada pola Deputación no marco da campaña Quéremonos Vivas, Libres e Iguais. O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, acompañado de Deputados e Deputadas, encabezou esta marcha que percorreu as principais rúas do centro da cidade de Lugo. 

José Tomé, na chegada á Praza de San Marcos, expresou que “oxalá non tiveramos que estar hoxe aquí, un ano máis, continuando con esta loita. Que non tiveramos que estar facendo esta reivindicación significaría que a nosa sociedade cambiaría para mellor, pero é preciso seguir saíndo á rúa para visibilizar e concienciar contra a lacra da violencia contra as mulleres, porque non podemos consentir que haxa mulleres privadas dos seus dereitos, privadas das súas liberdades, e privadas da súa vida”. Pola súa banda, a Deputada de Muller e Igualdade, María Loureiro, encargouse de ler nunha praza ateigada de xente, a declaración institucional para este 25N aprobada polos grupos políticos con representación na Deputación. 

Este ano a Deputación impulsou na Praza de San Marcos un encontro interxeracional contra as violencias machistas no que participou un grupo de usuarios e usuarias do Centro de Atención a Maiores da Deputación de Lugo na Fonsagrada, e nenos e nenas do CEIP de Xermade. “A loita contra a violencia machista e en favor da igualdade ten que ser unha loita transversal, compartida por toda a sociedade. Por iso, é necesario xuntar a experiencia das persoas maiores co compromiso dos máis novos”, incidiu o Presidente.

“Este é o camiño para consolidar hoxe espazos de igualdade que permanezan inalterables no futuro, inmunes aos intentos das ideoloxías de odio, dos novos machismos ou de calquera forma de violencia ou discriminación que trate de esconderse tras das novas tecnoloxías”, manifestou o mandatario provincial. 
Alba, do CEIP de Xermade, puxo o foco en lembrar que calquera tipo de violencia é violencia. “As persoas que agriden apagan a felicidade de moitos inocentes de xeito moi cruel”, dixo e propuxo que todos e todas temos que poñer da nosa parte para ser “capaces de vivir nun mundo de paz e harmonía, onde cada un poida voar libre”. “No noso interior todos somos iguais, por que non nos tratamos con respecto? Miremos cos corazóns á xente, a solución non é a violencia é o diálogo”, afirmou a rapaza. 

Pola súa banda, Berta e José, do Centro de Atención a Maiores da Fonsagrada Residencial Rois, centraron as súas palabras en condenar calquera violencia e alzaron a voz para esixir que non se pode agredir nin atacar verbalmente á muller. 

Quinta andaina
En camiño contra as violencias é unha iniciativa que nos últimos anos a Deputación organizou co alumnado do 1º curso de Produción do Centro de Formación do Servizo de Audiovisuais provincial. O propio alumnado involucrouse neste complexo traballo de planificación e preprodución coa organización de diversas actuacións e actividades. 

Neste percorrido, o alumnado entregou necrolóxicas, rosas negras e poemas á cidadanía que participou na marcha e á que se foi encontrando polas rúas do centro de Lugo. Ademais, expresaron a necesidade de aplicar dunha educación non sexista na infancia a través das xoguetes e das cores. Tamén se fixo unha exposición fotográfica e unha obra de teatro coa fin de visibilizar os roles de xénero. 

Videomapping e pancarta Non é non
Na fachada do Pazo de San Marcos proxectarase o videomapping A provincia de Lugo contra as violencias machistas. Tamén depende de ti os días 25, 26 e 27 de novembro, entre as 18.00 e as 21.30 horas. Incluirá vídeos e fotografías de persoas da provincia lanzando mensaxes firmes e claras contra a violencia contra as mulleres. 

Así mesmo, na fachada da sede provincial tamén está despregada unha gran pancarta coa mensaxe Non é non para simbolizar a denuncia e enérxica repulsa da institución ás violencias machistas. 

Centros de Atención a Maiores
Ademais de participar na actividade En Camiño contra as Violencias, a comunidade dos Centros de Atención a Maiores da Deputación de Lugo dedica todo este mes a desenvolver obradoiros contra a violencia. Participan tanto os usuarios e usuarias como o persoal que traballa nos centros de Trabada, Ribadeo, Pol, A Fonsagrada, Pedrafita do Cebreiro e Castroverde, os seis que nestes momento ten a Deputación en funcionamento. 

Neste 25 de novembro os Centros de Atención a Maiores inauguran unha exposición con mensaxes elaboradas polos residentes co obxectivo de que poidan ver e coñecer os lemas que crearon noutras residencias e abrir debate arredor desta problemática. 

Material para os concellos
Esta campaña tamén involucra aos concellos da provincia de Lugo. Por iso, dende a Deputación fíxoselles chegar material como calendarios e camisetas para que a poboación tamén se faga partícipe desta iniciativa provincial.