Cultura
Deputación de Lugo

Inaugurada en Monforte a mostra “A memoria do son”, con fondos instrumentais e do arquivo documental do Centrad

CENTRAD
ARTESANÍA E DESEÑO
EFRÉN CASTRO
A exposición, con propostas interactivas e materiais lúdicos, poderá verse na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro ata o 25 de outubro

Esta mañá inaugurouse en Monforte a mostra “A memoria do son”, con fondos instrumentais e do arquivo documental do Centro de Artesanía e Deseño (Centrad). O deputado provincial, Efrén Castro, e o director da Colección de Instrumentos e comisario da exposición, Luciano Pérez, realizaron a presentación na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro.

 

Tras o seu paso polo Museo da Catedral de Compostela, onde recibiu máis de 55.000 visitantes, e o Antigo Cárcere de Sarria, a mostra chega á localidade monfortina co fin de dar a coñecer pezas únicas que se poñen a disposición do público grazas aos traballos de investigación  e recuperación desenvolvidos desde o centro provincial a partir da iconografía medieval.

 

A exposición, que reúne parte destes fondos nun formato adaptado á itinerancia e á experimentación por parte das persoas que a visiten, está concibida para ampliar o coñecemento do patrimonio musical, incluíndo unha giga, unha rota, unha cítola, unha viola de perna, unha viola de brazo, unha zanfona e un organistro, construídos a partir de representacións escultóricas destes instrumentos en lugares emblemáticos como o Pórtico da Gloria ou o Pazo de Xelmírez, ou dos datos recollidos en documentos literarios e históricos.

 

Os fondos instrumentais complétanse con melodías accesibles, a través de códigos QR, proporcionando a oportunidade de escoitar o son de cada un deles. Tamén inclúe propostas interactivas, como unha salterio no que as persoas visitantes poderán interpretar melodías de cantigas de Afondo X e  Martín Códax. De cara ao público máis novo, ofrécense dous pasatempos -un crebacabezas e un encrucillado-  que incorporan os contidos da exposición de forma lúcida.
 

No acto de presentación, o deputado de Artesanía e Deseño, Efrén Castro, puxo de relevo “a grande proxección dunha mostra itinerante que pasará por varios destinos da provincia despois da súa inauguración en Compostela, lugar onde a colección e o traballo do Centrad foi recoñecido internacionalmente”. Neste senso, augurou “unha grande aceptación nun lugar como Monforte, achegando á veciñanza pezas únicas que integran un traballo documental de investigación cunha clara vontade divulgadora e didáctica, que sitúa ao Centro de Artesanía unha vez máis como un referente no estudo e reprodución de instrumentos medievais”.

 

Pola súa banda, o director da Colección de Instrumentos Musicais do Centrad e comisario do proxecto “A memoria do son”, Luciano Pérez, incidiu na democratización da cultura e desta mostra en concreto, “accesible a todo tipo de públicos: non especialista, universitario, músicos, artesáns e investigadores. Ás persoas docentes permítelles traballar diferentes competencias, desenvolvendo a un tempo valores e sentimentos de pertenza, e ao alumnado proporciónalle unha serie de ferramentas moi útiles desde primaria ata a universidade, espertando, por outra parte, o pequeno investigador que todos levamos dentro”.

 

Ademais, a exposición conta cun catálogo traducido en catro idiomas, editado en papel pero tamén dispoñible para descargar, en formato pdf, na páxina web do Centro de Artesanía e Deseño (http://cultura.deputacionlugo.gal/sites/deputacionlugo.org/files/inline-files/catalogo_a_memoria_do_son.pdf)