Deportes e mocidade
Deputación de Lugo

A Vicepresidencia afianza o Rally da Mariña, que se celebra do 10 ao 12 de setembro nas estradas da comarca

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÒN DE LUGO
Deportes
EFRÉN CASTRO
RALLLY DA MARIÑA
A proba, con 67 pilotos inscritos, pasará polos concellos de Muras, Ourol, O Vicedo, Viveiro, Xove e Cervo

Efrén Castro valorou "a consolidacion da carreira como unha mostra máis da puxanza do deporte de motor na provincia"

Deportes achega 24.000 euros á organización da proba, que puntúa para o Campionato Galego de Rally

O deputado de Deportes, Efrén Castro, presentou a terceira edición do Rally da Mariña, que se disputará do 10 ao 12 de setembro  nos concellos de Muras, Ourol, Cervo, Xove, Viveiro e O Vicedo. A carreira, que conta cunha achega de 24.000 euros por parte da Vicepresidencia da Deputación, constará de cinco treitos cronometrados.

A proba arrancará o venres coas primeiras pasadas dos dous primeiros treitos, en Muras e entre o Viveiró (Muras) e Xerdiz (Ourol). A competición retomarase o sábado pola maña, coa segunda pasada dos dous primeiros treitos, e continuará ao longo da xornada cos treitos do Vicedo, a triple pasada, Cervo (saída diante da fábrica de Sargadelos) e Xove (saída a carón da Praza do Concello), a dobre pasada. En total, os pilotos percorrerán 124 quilómetros cronometrados polas estradas da comarca.  O parque de control estará situado en Lavandeiras, en Celeiro, e o de reagrupamento en Covas, en Viveiro.

Na presentación do evento, á que asistiron representantes institucionais de todos os concellos polos que pasa a proba, o deputado de Deportes Efrén Castro sinalou que “a disputa desta terceira edición supón un paso adiante na consolidación do Rally da Mariña, unha proba pola que apostamos desde o inicio da lexislatura desde a Vicepresidencia da Deputación pensando en cubrir un oco que ata daquela estaba baleiro pese a gran afección ao motor que hai tamén nesta zona da Mariña"

Neste sentido, o deputado sinalou que "se trata dunha edición ambiciosa, que amplía o percorrido chegando este ano aos concellos de Muras e Ourol, nos que se disputarán os dous primeiros treitos, e que tamén medrou a participación de pilotos da comarca, con oito equipos inscritos".

Os afeccionados e afeccionadas que queiran acceder aos tramos cronometrados para seguir a carreira terán que rexistrarse previamente na web do rally  (rallyemarina.wordpress.com), unha medida adoptada para facilitar un control  efectivo do evento por parte da organización e das autoridades sanitarias fronte a Covid 19.

O presidente da Escudería MixRallyeSports e director de carreira, Ignacio Davila, confirmou a inscrición de  67 participantes, entre os que destacan nomes como o Víctor Senra e Jorge Pérez - actuais primeiro e segundo clasificados no Campionato de Galiza de Rally -, ou Iago Caamaño e Alberto Meira, que tamén optan ao podio galego. Na grella de saída, estarán tamén oito pilotos da Mariña: Samuel Fernández, Borja Ramudo, Brais Basanta, Angel Galdo, Manuel Castro Pita, Diego Lage, Omar Polo e Ramiro González.