A Deputación recibe 35.000 mascarillas do Goberno central para distribuír aos concellos da provincia

O Deputado de Promoción Económica e Social participou no acto de entrega do material, destinado a traballadores e traballadoras dos servizos esenciais e entidades sociais dos municipios lucenses de menos de 20.000 habitantes
O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este mércores na entrega de material sanitario do Goberno de España á Deputación de Lugo para a súa distribución aos concellos da provincia. A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, entregou á institución provincial 35.000 mascarillas destinadas a traballadores e traballadoras dos servizos esenciais e entidades sociais dos municipios da provincia de Lugo.
A Deputación farase cargo do operativo de distribución entre os concellos con poboación inferior a 20.000 habitantes, segundo acordaron o Goberno central e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).
Esta é a sexta campaña de reparto que leva a cabo o Goberno na provincia desde o comezo da pandemia.