Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

A experta en políticas de igualdade Carmen Castro, protagonista do Ciberfaladoiro Feminista deste venres

Faladoiros Feministas
Igualdade
muller
A Deputación de Lugo e o Foro Feminista Maruxa Mallo organizan un novo encontro online de debate, aberto á participación da cidadanía, para sensibilizar e avanzar na igualdade real e efectiva, empoderar ás mulleres e loitar contra as violencias machistas

O ciclo de Ciberfaladoiros Feministas que organizan a Deputación de Lugo e o Foro Feminista Maruxa Mallo continúa este venres coa charla online da economista e activista en igualdade Carmen Castro, que abordará as estratexias feministas para repensar a economía. 

Carmen Castro é especialista en políticas europeas de igualdade, estratexia de mainstreaming de xénero e empoderamento das mulleres na administración pública. Licenciada en Economía pola USC, como investigadora foise especializando na consultaría e asesoramento de políticas públicas de xénero. É autora de varias publicacións e guías prácticas, e promotora de Sin Género de Dudas, a primeira bitácora feminista con perspectiva de xénero de lingua hispana. Galardoada con diferentes recoñecementos, en 2019 recibiu o Premio ‘Les Corts de les Dones’, outorgado polas Cortes Valencianas, pola súa traxectoria profesional e persoal na defensa da igualdade e os dereitos das mulleres. Entre os anos 1992 e 1996 foi presidenta da Asociación Mulleres Xóvenes de Galicia.

O encontro retransmitirase a través da canle de YouTube de NomenklaturasGestión Cultural, ás 19:30 horas, e está aberta á participación do público a través de whatsapp no número de teléfono: 690.117.254.

Programación Ciberfaladoiros
O ciclo de Ciberfaladoiros Feministas rematará o venres 11 de decembro coa charla de Sonia Ramos. No marco deste ciclo de coloquios, a periodista Mabel Lozano presentou por primeira vez en Galicia o seu novo libro PornoXplotación de denuncia da trata humana.

A Deputación de Lugo, xunto co Foro Feminista Maruxa Mallo, impulsa esta iniciativa co obxectivo de conectar o feminismo coa veciñanza da provincia de Lugo, propoñendo alternativas para erradicar situacións derivadas da estrutura social patriarcal, empoderar ás mulleres e loitar contra as violencias machistas. 

A institución provincial colabora cunha achega de máis de 13.000 euros e tamén coa difusión a través de redes sociais e dos Servizos Audiovisuais provinciais destes coloquios.